Cerca de 4.600 profesionais do Servizo Galego de Saúde acadan un novo grao de carreira profesional na convocatoria do ano 2025
O recoñecemento do novo grao estará reflectido na nómina de febreiro con efectos retroactivos a 1 de xaneiro de 2026
O importe anual por grao recoñecido ascende a 3.602 euros no caso de persoal licenciado sanitario e a 2.251 euros no caso de persoal diplomado sanitario
O obxectivo do sistema de carreira profesional é recoñecer a achega dos profesionais á mellora da calidade dos servizos sanitarios públicos
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026
Un total de 4.594 profesionais do Servizo Galego de Saúde acadaron un novo grao de carreira profesional retribuído na convocatoria do ano 2025, que se recollerá na nómina de febreiro con efectos económicos a 1 de xaneiro de 2026.
Deses 4.594 profesionais, 1.613 é persoal licenciado sanitario; 1.182 é persoal diplomado sanitario; 951 é persoal sanitario de formación profesional; e 848 é persoal de xestión e servizos.
En concreto, 3.183 profesionais accederon ao grao 1; un total de 113 accederon ao grao 2; 1.209 accederon ao grao 3; e 89 profesionais accederon ao grao 4.
O importe anual por grao recoñecido ascende a 3.602 euros no caso de persoal licenciado sanitario e a 2.251 euros no caso de persoal diplomado sanitario.
No que atinxe ao persoal de formación profesional e xestión e servizos, os importes anuais por grao recoñecido son de 2.899 euros na categoría A1; 2.029 euros na A2; 1.308 euros na C1; 1.110 euros na C2 e 897 euros na E.
O obxectivo do sistema de carreira profesional é recoñecer a achega dos profesionais á mellora da calidade dos servizos sanitarios públicos; distinguir aos profesionais outorgando un recoñecemento obxectivo á súa competencia profesional individual; xerar corresponsabilidade e fomentar a cultura do compromiso co sistema sanitario público, promovendo a actualización dos seus coñecementos e competencias e a mellora da súa cualificación.