A Xunta critica a falta de transparencia e a improvisación do Goberno central na xestión ferroviaria

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes abordou no Parlamento as recentes decisións de Renfe e Adif en relación coa rede galega

Diego Calvo considera inadmisible a falta da información directa e detallada que vén demandando o Goberno galego

No pleno parlamentario avaliouse tamén a implantación da reforma xudicial en Galicia, realizada nos prazos impostos polo Ministerio de Xustiza e que xa funciona con normalidade

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026

 O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, denunciou hoxe no Parlamento a falta de transparencia e a improvisación do Goberno central na xestión dos servizos ferroviarios en Galicia, con motivo dunha resposta sobre a falta de información das razóns técnicas e operativas que motivaron a recente imposición da limitación de velocidade no tramo Ourense–Santiago de Compostela. Segundo sinalou o conselleiro, esta foi unha de tantas decisións que se coñeceron a través dos medios de comunicación, o que cualificou de “inadmisible”.

Para Diego Calvo, o feito de non ter información previa desta decisión é “moi grave” por tratarse dunha infraestrutura estratéxica para a mobilidade da poboación galega e por estar directamente relacionada coa seguridade. Trátase ademais dunha medida excepcional adoptada a raíz das reiteradas advertencias dos maquinistas, o que supón “un indicador claro das deficiencias da infraestrutura, que require unha análise exhaustiva e unha corrección inmediata tal e como que levamos moito tempo incidindo e reclamando desde a Xunta”, engadiu.

O conselleiro lamentou unha vez máis a falta de información directa sobre as constantes incidencias nos servizos ferroviarios. Así, referiuse ás numerosas cartas remitidas a diversos responsables do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, sen obter resposta, como a remitida a finais de xaneiro ao presidente de Adif, solicitando datos sobre o estado das infraestruturas, o resultado das últimas revisións feitas aos trens da rede galega e as razóns concretas que levaron á limitación da velocidade no tramo Ourense-Santiago do AVE.

A recente suspensión dos servizos ferroviarios con orixe e destino Vigo sen alternativas de transporte para as persoas usuarias foi outro dos exemplos de improvisación apuntados por Diego Calvo. Fronte a isto, destacou a actuación da Xunta que, a pesar da pouca marxe temporal para organizalo, activou case un cento de reforzos nas liñas que conectan o eixe atlántico, ampliando en máis de 4.000 as prazas dispoñibles.

Implantación da oficina xudicial

Por outra banda, no pleno de hoxe o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes contestou tamén unha pregunta en relación coa posta en marcha da oficina xudicial nos Tribunais de Instancia dos sete grandes partidos xudiciais en Galicia. Nesta resposta Diego Calvo incidiu na eficiencia do Goberno galego ao executar nos prazos establecidos a aplicación da reforma xudicial imposta polo Goberno central.

O conselleiro referiuse á rapidez e eficacia da implantación en Galicia, como demostra o feito de que os xuízos e vistas “se veñen celebrando con normalidade en todas as xurisdicións”, a pesar de que o propio Ministerio se viu obrigado a recoñecer que era preciso máis tempo e na conferencia sectorial do pasado decembro propuxo tres meses de moratoria. Nesta liña, insistiu en que Galicia fixo “os deberes en tempo e forma e a día de hoxe temos feitos todos os cambios tecnolóxicos pertinentes”.

Diego Calvo puxo en valor o labor de acompañamento do Goberno galego ao persoal da Administración de Xustiza, con reunións informativas e xornadas formativas. Pola contra, lamentou os problemas rexistrados nas aplicacións informáticas dependentes do Ministerio de Xustiza, que ocasionaron demoras na actividade xudicial.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2026