A Xunta alerta dun novo intento do Goberno central de reformar o regulamento de Costas pola porta de atrás para restrinxir usos no litoral

Ángeles Vázquez advirte de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico iniciou hai uns días unha consulta pública previa vía web para modificar a norma sen previo aviso nin consulta ás comunidades autónomas e sectores afectados, o mesmo xeito de proceder que nos intentos frustrados de 2018 e 2024

A conselleira rexeita que ademais o faga pola vía de urxencia -o que reduce a só 15 días o prazo para facer aportacións- e cun documento moi xenérico que non detalla que é exactamente o que se pretende facer

O Executivo galego censura a insistencia do Ministerio, que o único que pretende é limitar a propiedade privada e a actividade económica no litoral, acurtar a duración das concesións e eliminar calquera vestixio de presenza humana da costa

A responsable autonómica apela á cadea mar-industria, aos concellos costeiros e ao resto de entidades implicadas a facer unha fronte común na presentación de alegacións para salvagardar os intereses do conxunto da comunidade

O Goberno autonómico pon en valor a súa eficacia na xestión plena do litoral, que permitiu desde o pasado 1 de xullo aprobar 920 autorizacións, declaracións responsables, concesións e informes na franxa costeira galega

Marín (Pontevedra), 12 de febreiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o concello de Marín, onde alertou de que o Goberno central está inmerso nun novo intento de reformar o regulamento xeral de Costas do Estado pola porta de atrás co fin de establecer un uso máis restritivo do litoral e das actividades que poden desenvolverse nel.

A responsable autonómica explicou que hai uns días o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publicou na páxina de transparencia, sen previo aviso nin consulta ás comunidades e sectores afectados, o inicio da consulta pública previa para modificar o regulamento. E fíxoo, ademais, pola vía de urxencia, o que implica que as institucións e entidades interesadas só teñen 15 días, en lugar dun mes, para facer as súas aportacións e consideracións a un documento moi xenérico, que non detalla que é exactamente o que pretende facer o Goberno central.

Ángeles Vázquez rexeitou o terceiro intento do Executivo central -tralos frustrados de 2018 e 2024- de modificar a normativa sen a máis mínima transparencia, con total escurantismo e sen facer as correspondentes consultas tanto ás comunidades autónomas como aos sectores que desenvolven a súa actividade na costa, como é o marítimo-pesqueiro en Galicia, vital para a comunidade.

A conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, subliñou que a obriga do Goberno galego é advertir ao conxunto da sociedade desta cuestión pois os precedentes non son alentadores. Nesta liña, lembrou os intentos de, sen base legal, limitar a propiedade privada e a actividade económica e industrial no litoral, acurtar o tempo das concesións (reducindo os prazos das prórrogas para que non puidesen superar os 30 anos) e adoptar medidas para eliminar calquera vestixio de presenza humana da costa.

Reforma con transparencia

Neste sentido, asegurou que Galicia está a favor da modificación da lei estatal de costas, para adaptala ás necesidades actuais, pero facéndoo de xeito transparente, coa participación de todos os axentes implicados e buscando en todo momento un equilibrio entre os aspectos medioambientais e socioeconómicos.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático asegurou que, de confirmarse as sospeitas, estaríamos ante unha nova deslealdade institucional e outro intento de obstaculizar toda a actividade económica e social que se desenvolve no litoral. Algo, aseverou, que Galicia non se pode permitir pois na súa costa viven 1,5 millóns de persoas -en 86 concellos- e moitas delas dependen de actividades vencelladas con ela.

Por iso, Ángeles Vázquez apelou á cadea mar-industria, aos concellos e ás entidades afectadas a facer unha fronte común na presentación de alegacións por parte da Xunta, co fin de salvagardar as actividades que se desenvolven vencelladas co mar. De feito, as Consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar manterán o vindeiro luns un encontro con representantes do sector do mar, das confrarías de pescadores, dos municipios e doutras entidades para expoñerlles a situación e buscar o seu apoio. 

Defensa dos intereses

A conselleira incidiu ademais en que Galicia conta agora con ferramentas para a defensa dos seus intereses neste eido que antes non tiña, como a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral (Loxilga) e a asunción plena das competencias na materia, o que contribuirá a facer fronte a posibles ataques contra a comunidade.

Nesta liña, salientou que desde o pasado 1 de xullo -data de inicio do exercicio pleno das competencias sobre a costa- a Xunta avanzou moito e xa concedeu, entre os novos expedientes de dominio público marítimo-terrestre e os de servidume de protección, un total de 920 autorizacións, declaracións responsables, concesións e informes. Un ritmo, aseverou, que demostra que Galicia sabe asumir competencias con eficacia e aportando seguridade xurídica aos administrados.

Precisamente, unhas destas autorizacións é a solicitada polo Concello de Marín para reformar o acceso peonil á praia de Mogor. O fin último da actuación na zona, que visitou a responsable autonómica, é crear un itinerario accesible desde a senda peonil previa resolvendo o desnivel existente coa creación dunha rampla e modificando a escaleira que hai no lugar para integrala no itinerario accesible.

A conselleira destacou a importancia de que xestione o litoral quen mellor o coñece e entende todas as implicacións que as distintas actuacións poden ter. Neste sentido, puxo en valor o rigor dos técnicos da Xunta e a vontade constante de conxugar a protección do medio ambiente coas actividades sociais e económicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2026