Un total de 5.678 alumnos recibiron axudas da Xunta para facer as prácticas de FP no último curso

Convócanse as bolsas correspondentes a este curso, que permiten realizar estadías en empresas galegas, no resto de España e mesmo no estranxeiro

A Consellería de Educación tamén se fai cargo da cotización destes alumnos nese período para que non repercutan neles nin nas empresas

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2026

Un total de 5.678 alumnos recibiron axudas económicas da Xunta para facer as prácticas de FP no último curso. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destinou un orzamento total de máis de 1 M € a esta acción, a través da que se sufragan parte dos gastos de desprazamento dos alumnos.

Deste xeito, facilítase o desenvolvemento das prácticas por parte do alumnado, fundamentais para acadar unha formación da máxima calidade, tanto na comunidade autónoma como no resto de España e mesmo noutros países de dentro ou fóra da Unión Europea. Favorécese así a mobilidade nacional e internacional das persoas que desexan formarse no estranxeiro, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.

Cómpre lembrar que, a maiores desta liña de axudas, a Xunta faise cargo da xestión da cotización das prácticas do alumnado de FP para que non repercutan neles nin nas empresas. O pasado curso beneficiáronse 16.572 estudantes, cun investimento de case 700.000 €.

Nova convocatoria

Unha vez resoltas as axudas do pasado curso, o Goberno galego vén de convocar as deste ano, cun orzamento de 1 M €, susceptible de incrementarse en función das solicitudes. A convocatoria establece, como é habitual, dúas modalidades en función dos destinatarios.

Na modalidade A, destinada a quen realice a formación en empresa dentro do territorio español, a contía da axuda depende de onde se realicen as prácticas e do número de xornadas. O máximo da axuda neste caso é de 375 €. O alumnado que faga a formación práctica en Galicia pode recibila só cando o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante durante ese período.

Na modalidade B, dirixida ao alumnado que realice a formación en empresa fóra do territorio español, a contía das axudas varía en función do país de destino. Deste xeito, establécese unha contía por semana de entre 100 € e 175 € dependendo do custo da vida do país escollido.

Como novidade, este ano a tramitación da orde permitirá que o alumnado coñeza de antemán as axudas ás que poderá acceder. Pode solicitar as bolsas o alumnado matriculado en ciclos de grao básico, medio ou superior, máster de FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos, públicas ou con concerto.

Dous prazos de presentación

As solicitudes presentaranse no centro educativo onde o alumnado estea matriculado no momento de realizar a formación en empresa. A documentación será facilitada polo centro educativo en que estea matriculado no momento de realizar a formación en empresa.

Establécense dous períodos de presentación de solicitudes. O primeiro, ata o 30 de xuño de 2026, vai dirixido aos estudantes que realicen o seu período formativo na empresa ata o 31 de agosto de 2026. O segundo prazo, comprendido entre o 13 de outubro e o 13 de novembro de 2026, é para os que fagan as prácticas no período setembro-decembro de 2026.

Data de actualización: 15/02/2026