A Xunta investiu máis de 1.606 millóns de euros no medio rural galego ao abeiro do PDR 2014-2022
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias compareceu hoxe a petición propia na Comisión 7ª, onde fixo un balance destes fondos europeos no seu departamento, cunha porcentaxe de execución practicamente do 100 %
Esta Dirección Xeral xestionou 18 submedidas que abranguen 486 millóns de euros, correspondente ao 30 % de todo o PDR de Galicia
En resposta a unha pregunta sobre Mercosur, o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria lembrou o paquete de medidas presentado pola Xunta de Galicia en defensa do sector agrogandeiro en caso de que o tratado entre en vigor
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia investiu máis de 1.606 millóns de euros no medio rural galego ao abeiro do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia no período 2014-2022, ampliado ata 2025. Así o destacou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na súa comparecencia a petición propia na Comisión 7ª do Parlamento, na que fixo un balance da execución destes fondos europeos no seu departamento.
José Balseiros expuxo que, deste montante total, a Dirección Xeral xestionou 18 submedidas que abranguen 486 millóns de euros, correspondente ao 30 % de todo o PDR de Galicia. Neste sentido, puxo en valor que o grao de execución destas medidas acadou unha porcentaxe de practicamente o 100 %, dando boa mostra da boa xestión destes fondos por parte do Goberno autonómico.
Durante a súa intervención o director xeral explicou que este orzamento repercutiu directo sobre o medio rural galego e os agricultores e gandeiros que conforman o noso sector primario. Neste sentido, destacou as convocatorias para fomentar a remuda xeracional, o asociacionismo agrario e os investimentos en industrias agroalimentarias como algunhas das liñas máis cuantiosas e destacadas deste departamento.
Neste sentido, a incorporación de mozos ao agro e os plans de mellora supuxeron, no período 2016-2023, un gasto público de 323 millóns de euros, con 4.314 explotacións beneficiadas e algo máis de 2.700 persoas incorporadas á actividade agrogandeira. En relación coa transformación e comercialización de produtos agrarios, publicáronse cinco convocatorias con 142 millóns de euros, que axudaron a realizar investimentos subvencionables de case 439 millóns de euros coa aprobación de 473 proxectos, cunha gran presenza dos sectores lácteo e cárnico. Por outra banda, con respecto ás axudas para instalación de equipamentos en común e o uso de maquinaria en réxime asociativo, resolvéronse achegas de 51,11 millóns de euros para 390 beneficiarios; favorecendo así o asociacionismo na comunidade.
Xa para rematar, mencionou outras liñas impulsadas pola Consellería, como o apoio ás razas autóctonas, a creación de pasteiros, o mantemento do estatus sanitario da cabana gandeira, o sector vitivinícola ou o control leiteiro, entre outras. De xeito global, no período 2014-2022, tanto no marco do PDR como a través de fondos propios, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, aprobou en axudas 742 millóns de euros para máis de 100.000 beneficiarios, principalmente explotacións.
Mercosur
En resposta a unha pregunta sobre o acordo entre a Unión Europea e Mercosur, o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, incidiu en que este tratado presenta importantes implicacións que deben ser analizadas con atención, especialmente no caso de Galicia, que conta cun eido agroalimentario altamente desenvolvido e de xeito concreto, nos sectores cárnico, lácteo e apícola. A maiores, sinalou as posibles vantaxes que pode presentar, e que están relacionados principalmente coa baixada de prezos dos insumos para os animais e a apertura a novos mercados.
Neste sentido, Cerviño debullou o paquete de medidas a curto e medio prazo impulsado pola Consellería do Medio Rural para protexer aos agricultores e gandeiros galegos ante estas implicacións, e que inclúe cuestións como a posta en marcha do Observatorio de prezos de Galicia, o reforzo da estratexia de promoción interna e exportación dos produtos agroalimentarios galegos, a solicitude dun incremento do fondo de continxencia para a crise por parte da UE ou a petición do aumento de controis en fronteiras ao Goberno central.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural subscribiu onte mesmo, coa colaboración das organizacións profesionais agrarias UUAA e Asaga, unha declaración conxunta para, no caso de que o tratado entre en vigor, demandar unha aplicación práctica reforzada do acordo e as súas cláusulas de salvagarda. O documento inclúe 11 peticións á Unión Europea e ao Goberno central, así como compromisos en Galicia, para protexer e impulsar o sector primario diante deste novo escenario.
Gandaría en ecolóxico
Por outra banda, con respecto a unha cuestión sobre as compensacións da PAC polo impacto dos grandes carnívoros nas explotacións ecolóxicas, Cerviño subliñou que o deseño das intervencións, así como as indicacións e incompatibilidades entre elas, veñen determinadas polo Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 que determinou liñas diferenciadas específicas para os modelos produtivos distintos, e a Administración autonómica é a encargada da xestión das axudas nos termos establecidos no Plan. Asegurou que non existe trato discriminatorio cara á gandaría ecolóxica en relación á extensiva, xa que este réxime ten un tratamento propio e singular, accedendo a liñas exclusivas, ao recollerse nunha intervención específica.