A Xunta traslada ao Goberno central as súas esixencias consensuadas co sector diante do acordo UE-Mercosur

A conselleira do Medio Rural explicou que o documento subscrito onte coas organizacións profesionais agrarias UU.AA. e Asaga, que vén de ser enviado de xeito oficial ao Ministerio de Agricultura, ten como principal obxectivo “protexer os nosos agricultores e gandeiros” diante da posible entrada en vigor do devandito tratado

Con motivo da celebración do Consello Consultivo de Política Agraria para Asuntos Comunitarios, María José Gómez subliñou a necesidade de amparar aos produtores diante de “flutuacións de mercado” e remarcou que é preciso actuar no marco da Lei da cadea alimentaria de producirse “calquera alteración nalgún elo da cadea de valor”

Celebrou o anuncio do ministro Planas da posible activación do fondo de emerxencia da UE polas intensas chuvias e pediu que estes recursos cheguen á nosa comunidade

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, trasladou esta tarde ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), Luis Planas, as peticións incluídas na Declaración conxunta asinada onte coas organizacións profesionais agrarias UU.AA. e Asaga, que reúne un total de 11 demandas dirixidas ás instancias comunitarias e ao Goberno central diante da posible entrada en vigor do acordo entre a Unión Europea e Mercosur. Así o fixo Gómez con motivo da celebración do Consello Consultivo de Política Pesqueira e Política Agraria para Asuntos Comunitarios, xuntanza á que tamén asistiu a súa homóloga de Mar, Marta Villaverde.

María José Gómez explicou que o documento, que xa foi remitido de xeito oficial ao Ministerio, ten como principal obxectivo “protexer os nosos agricultores e gandeiros”, mediante unha serie de medidas e esixencias que buscan reforzar a aplicación práctica do acordo e as súas cláusulas de salvagarda, en caso de que este se poña en marcha.

En concreto, no texto demándase ao MAPA, entre outras esixencias, un plan reforzado e verificable de controis en fronteira e auditorías en orixe, de forma que só accedan ao mercado europeo os produtos que cumpran a legalidade comunitaria. Tamén se pide a elevación urxente, por parte do Ministerio á Comisión Europea, de calquera incumprimento e unha interlocución técnica estable e periódica coas comunidades autónomas e co sector.

Así mesmo, a declaración reclama a creación dunha unidade de seguimento especializada do acordo, para controlar importacións, prezos e canais, coa creación tamén dun sistema de alerta temperá cunha comunicación transparente e áxil cara as autonomías e as organizacións sectoriais. Precisamente sobre esta cuestión, a conselleira demandou tanto á Unión Europea como ao Ministerio que actúen “para protexer os nosos sectores produtivos” en relación coas implicación do acordo.

Lei da cadea alimentaria

Neste contexto, e en referencia ás competencias do Ministerio, fixo especial fincapé na necesidade de amparar aos agricultores e gandeiros diante de “flutuacións de mercado” e lembrou que é preciso facer cumprir a Lei da cadea alimentaria estatal e actuar ante “calquera alteración que haxa nalgún elo da cadea de valor”.

Por outra banda, Gómez remarcou que a Xunta segue demandando, xunto coas tres principais organizacións profesionais agrarias de Galicia, “unha PAC forte, e máis nestas circunstancias, porque os agricultores e gandeiros galegos necesitan ese orzamento, que é imprescindible para continuar traballando polo noso campo”.

Noutra orde de cousas, Gómez celebrou o anuncio do ministro Planas de que se vai solicitar á UE a activación do fondo de emerxencia polas intensas chuvias das últimas semanas e pediu que, de ser o caso, estes recursos cheguen aos produtores galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2026