Villaverde aborda no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios temas de interese para o sector do mar de Galicia
Galicia traslada a súa preocupación sobre a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica de declarar a anguía especie en perigo de extinción e alerta do impacto socioeconómico que tería para o sector pesqueiro
A conselleira do Mar lamenta que o Miteco queira introducir modificacións no Regulamento de Costas que poderían prexudicar á cadea mar-industria
O Executivo galego demanda medidas de apoio ao sector marítimo-pesqueiro fronte ao impacto das borrascas das últimas semanas
Santiago de Compostela, 13 de febreiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe, por videoconferencia, no Consello Consultivo de Política Agraria e Pesqueira convocado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, un foro no que Galicia trasladou distintas cuestións de especial relevancia para o futuro do sector do mar galego.
A titular de Mar explicou que, aínda que na orde do día da reunión non se incluían asuntos específicos do ámbito pesqueiro, o Goberno galego aproveitou este encontro para interesarse por varias iniciativas que están xerando moita preocupación no sector.
Entre elas, destacou a proposta impulsada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) para incluír a anguía na categoría de especie en perigo de extinción, unha medida que suporía a prohibición da súa pesca e comercialización. Neste sentido, Villaverde advertiu do impacto que esta decisión tería en distintas confrarías galegas que dependen deste recurso de maneira case exclusiva, e reiterou a defensa dunha xestión sostible baseada nos datos científicos e no traballo realizado polo propio sector.
Outro dos asuntos abordados foi o procedemento iniciado polo Miteco para modificar o Regulamento de Costas. A conselleira subliñou a necesidade de dar garantías a continuidade das actividades vinculadas á cadea mar-industria situadas no litoral galego, asegurando a estabilidade das concesións e a seguridade xurídica das empresas e dos empregos asociados a esta actividade estratéxica.
Restricións comerciais de Marrocos
Durante a reunión, Galicia tamén trasladou a súa preocupación polas restricións adoptadas, de xeito unilateral, por Marrocos sobre a exportación de sardiña, que poderían afectar directamente á industria transformadora galega. Neste contexto, Villaverde solicitou ao Ministerio información detallada sobre o alcance destas medidas e o seu posible impacto no tecido produtivo, e lembrou que a decisión incumpre o acordo que o país africano ten asinado coa Unión Europea.
Efectos das borrascas
Por último, Villaverde solicitou información sobre os mecanismos que prevé activar o Goberno central para apoiar ao sector primario ante os efectos dos recentes episodios meteorolóxicos adversos. A conselleira trasladoulle ao ministro Luís Planas que se ten previsto activar algún fondo para paliar os seus efectos, teña en conta ao sector marítimo-pesqueiro e marisqueiro, que tamén está a sufrir importantes afeccións derivadas das intensas choivas e temporais rexistrados nas últimas semanas.