Javier Arias avoga por un consumo sostible e responsable para reducir o desperdicio alimentario no Entroido

O delegado territorial visitou o mercado de Quiroga Ballesteros, en Lugo, para participar na campaña `Nestas datas, que non sobren as sobras!´, impulsada pola Xunta para fomentar o aproveitamento dos alimentos

Lugo, 16 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou esta mañá o mercado de Quiroga Ballesteros, en Lugo, para informar sobre a campaña Nestas datas, que non sobren as sobras!, unha iniciativa do Goberno galego para concienciar á cidadanía sobre a importancia de reducir o desperdicio alimentario nos fogares durante a celebración do Entroido.

A campaña, que se está a desenvolver nas sete cidades galegas, pretende promover un consumo consciente e responsable, especialmente nestas datas de maior gasto alimentario, lembrando que cada pequeno xesto suma para coidar mellor os recursos e o medio natural.

Durante a visita, Javier Arias subliñou a importancia de “achegar estas mensaxes directamente á veciñanza, especialmente nos mercados municipais, que son espazos de proximidade, de consumo responsable e de aposta polo produto local, nos que resulta fundamental reforzar a sensibilización ambiental”.

O delegado fixo tamén fincapé en que “é fundamental evitar as compras compulsivas, sobre todo nestas datas sinaladas, para que non teñamos que tirar moita desa comida” e animou á cidadanía a “aproveitar mellor os alimentos e recuperar bos hábitos da nosa cultura gastronómica”.

Como elemento simbólico da campaña, estanse a repartir culleres de madeira cun código QR que permite acceder a receitas de aproveitamento cos produtos máis típicos do Entroido, ofrecendo ideas prácticas para aplicar nos fogares. En total distribuiranse arredor de 2.000 culleres en 15 mercados municipais de toda Galicia.

A campaña Nestas datas, que non sobren as sobras!, desenvolvida xa con boa acollida durante as pasadas festas de Nadal, enmárcase nas políticas da Xunta orientadas a fomentar a economía circular, reducir a xeración de residuos e avanzar cara a un modelo de consumo máis sostible e responsable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2026