A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa alcaldesa da localidade

A Xunta e o Concello de Ribeira avalían as actuacións a realizar para a mellora do funcionamento da EDAR

Tamén abordaron o proxecto municipal para ampliar a rede de abastecemento no lugar de Cudieiros, en Palmeira

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, avaliaron nunha reunión celebrada esta mañá as actuacións a realizar para a mellora do funcionamento da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da localidade.

Durante o encontro, a rexedora explicoulle á conselleira que unha das accións prioritarias sería a substitución da arqueta de rotura AR3, que actualmente presenta problemas de corrosión polas infiltracións de auga de mar. En concreto, esta arqueta é a previa á entrada da EDAR, que foi executada por Acuaes, e ten dúas válvulas que regular a entrada de auga na instalación.

Para avanzar na busca dunha solución a esta situación, técnicos de Augas de Galicia reuniranse con persoal municipal para analizar diferentes opcións e determinar cal sería a más axeitada, así como o procedemento para levalo a cabo.

Ademais, na reunión tamén abordaron o proxecto municipal para ampliar a rede de abastecemento no lugar de Cudieiros, na parroquia de San Pedro de Palmeira. Neste caso, a conselleira indicou que persoal de Augas avaliará a viabilidade do proxecto para, a continuación, establecer posibles vías de colaboración e financiamento para acometelo.

Cómpre lembrar que, aínda que a prestación dos servizos de saneamento, abastecemento e depuración é unha responsabilidade de competencia municipal, o Goberno galego leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2026 sobe un 5,5%, ata os 151,7 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora e creación de infraestruturas, a formación e a divulgación de técnicos e cidadanía, e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos e que aumenten a resiliencia hídrica da comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2026