A Xunta promove unha campaña de concienciación contra o desperdicio alimentario no Entroido

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou nesta iniciativa promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e que consistiu na distribución de culleres de madeira cun QR con receitas de aproveitamento das sobras do Entroido

Ferrol, 16 de febreiro de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o mercado da Magdalena, en Ferrol, no marco da campaña de concienciación contra o desperdicio alimentario Nestas datas, que non sobren as sobras!, posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

“A idea é concienciar á poboación sobre a importancia de reducir o desperdicio alimentario nos fogares, especialmente nestas datas de maior consumo e recuperar así eses bos hábitos dos que sempre fixo gala a cultura galega a través de receitas de aproveitamento como caldos, empanadas, croquetas ou salpicóns, pero dende un enfoque máis moderno”, explicou Martina Aneiros.

A campaña consistirá na distribución nos mercados das principais cidades galegas de culleres de madeira cun QR con receitas de aproveitamento das sobras do Entroido. En total, distribuiranse arredor de 2.000 culleres en 15 mercados municipais de toda Galicia.

A delegada territorial insistiu no compromiso do Goberno galego coa posta en valor dos mercados municipais como espazos de consumo responsable e de produtos de proximidade de primeira calidade e lembrou a importancia de promover hábitos de compra consciente e responsable, á vez que se conciencia ás familias galegas sobre o impacto que supón sobre o medio ambiente o desperdicio alimentario.

Esta campaña enmárcase nas políticas da Xunta orientadas a fomentar a economía circular, reducir a xeración de residuos e avanzar cara a un modelo de consumo máis sostible e responsable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2026