O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP deu conta nun encontro cos medios do abano de medidas neste eido que se intensificaron nos últimos anos
A Xunta anuncia unha nova Estratexia de convivencia escolar para afondar na tolerancia cero co acoso
Román Rodríguez sinala que, pese a que as enquisas amosan unha boa evolución do clima de convivencia en xeral, “cómpre actuar mentres exista un só caso”
Explica a introdución de numerosas iniciativas nos últimos catro anos, entre as que destacan a prohibición do uso dos móbiles en todo o recinto escolar, a instalación de Puntos Laranxa, a formación de 14.641 docentes ou o novo Termómetro Acoso Escolar, que desde a súa introdución este curso foi usado xa por 206 centros
Avanza que a próxima actuación será a creación da Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, que permitirá que a Xunta e as administracións locais coordinen esforzos
Sinala a utilidade do protocolo de actuación do ano 2024, que é activado por parte dos centros entre 600 e 700 veces por curso nunha poboación de máis de 300.000 alumnos e que derivou en 187 procedementos correctores nos tres últimos cursos
Un total de 243.035 estudantes participaron en actividades de prevención e sensibilización que inclúen teatro, formación dixital ou premios a boas prácticas
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia vén de anunciar a posta en marcha dunha nova Estratexia galega de convivencia escolar que terá como un dos eixos principais a tolerancia cero co acoso escolar nas aulas xa que se trata dun “compromiso de país”, como así o explicou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nun encontro informativo no que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.
A cita en San Caetano tivo un dobre obxectivo. Por unha banda, facer un repaso polas medidas postas en marcha nos últimos ano, precisamente a través da Estratexia galega de convivencia escolar vixente no período 2022-2025, que agora está a ser avaliada como paso previo á elaboración da nova folla de ruta. Por outra banda, a Consellería quere axudar aos medios na cobertura deste tipo de casos, para o que programou unha sesión na que se explicou o Protocolo para a prevención, detección e tratamento do acoso e do ciberacoso escolar, do ano 2024, co fin de explicar o seu funcionamento, pasos que se dan cando existe a sospeita dun caso e resolver posibles dúbidas.
O titular de Educación do Goberno galego subliñou que a prevención do acoso escolar é unha tarefa que require dunha abordaxe “integral e colaborativa de todos e todas”, centros, familias, alumnos, administracións e outras entidades, é dicir, da sociedade no seu conxunto, e que esixe traballar “de xeito coordinado desde o máximo rigor e solvencia”.
Aínda que o nivel de convivencia nas aulas é bo, tal e como reflicte a última macroenquisa, onde o 88% dos participantes manifesta que non hai problemas ou son puntuais, Román Rodríguez insiste en que “mentres exista un só caso, cómpre actuar”. As cinco enquisas realizadas na última década sinalan unha mellora global do clima de convivencia, pero persiste un 12% de alumnado que percibe o acoso escolar, aínda que non o teña sufrido, como un problema, o que demanda seguir actuando a prol da súa erradicación.
Por iso, a Consellería incide na importancia de que nos centros se abra o protocolo de actuación cando existan sospeitas, de xeito que se poida investigar e corrixir. Nos últimos tres cursos, coincidindo co período de vixencia da devandita Estratexia, abríronse 614 protocolos no curso 22-23, 686 no 23-24 e 616 no 24-25 (unha cifra provisional esta última dado que os centros están rematando de cargar os seus datos). Deles, deriváronse 42, 54 e 91 procedementos correctores ao alumnado, é dicir, 187 casos nos tres cursos sobre un total de máis de 300.000 alumnos, o que representa unha porcentaxe aproximada do 0,06%. Nestas situacións, aplícanse medidas como a expulsión ou o cambio de centro, entre outras.
Numerosas medidas en marcha
A Consellería de Educación leva varios anos poñendo en marcha medidas novidosas a través do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar aprobado en novembro de 2023. Entre eles, o conselleiro destacou a instalacións de Puntos Laranxa nos centros, tanto físicos como virtuais, para denunciar desde o anonimato posibles casos, unha medida que o 70% do profesorado e o 63% das familias considera que contribuíu a sensibilizar sobre esta problemática. Tamén a creación dos Equipos ACAE de Actuación contra o Acoso Escolar, formado por docentes, un colectivo onde xa se teñen formado un total de 14.641 profesionais. Ou, máis recentemente, o novo Termómetro Acoso Escolar, que os centros poden activar en calquera momento para avaliar a súa situación interna e aflorar posibles situacións de acoso. Desde a súa introdución a principios deste curso por parte da Xunta, esta ferramenta foi empregada xa por 206 centros.
Moi relevante é tamén a prohibición do móbil en todo o recinto escolar, medida na que Galicia foi pioneira e que actualmente se estende por toda España. Desde a súa posta en marcha hai dous cursos, o 84% do profesorado e o 86% das familias opina que esta limitación contribuíu a mellorar a convivencia nos centros educativos galegos.
Son iniciativas que se completan con outras como o proxecto de mediación Acordamos ConVivir presentado a semana pasada; os premios ConVivimos ou Tolerancia 0 co acoso escolar, que buscan recoñecer prácticas que sirvan de exemplo para outros colexios ou institutos; programas formativos sobre a pegada dixital e o uso responsable das redes sociais, a publicación dunha guía de internet seguro, accións de sensibilización baseadas no teatro ou impulso dunha campaña coa colaboración do artista urbano Mon Devane.
Dado que é necesaria unha visión integral, xa que esta problemática excede o ámbito educativo, o conselleiro explicou que o próximo paso será a creación da Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, un proxecto que se está ultimando e que é froito da colaboración da Consellería e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co obxectivo de coordinar accións entre os concellos e a Administración autonómica. Neste marco de colaboración, tamén a Delegación do Goberno participa nesta materia a través do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos. Grazas a isto, o conxunto da actividades nas aulas da Comunidade ten alcanzado a unha poboación escolar de 243.035 persoas.
Así mesmo, a Consellería vén de intensificar a colaboración coa Fiscalía Superior de Galicia para establecer liñas de traballo conxuntas e o aproveitamento de sinerxías na loita contra o acoso escolar, entre outros.