Medio Rural avanza coa Mancomunidade Voluntaria de municipios de Ourense na colaboración fronte os incendios forestais

A conselleira María José Gómez mantivo esta mañá unha reunión cos alcaldes dos concellos que integran esta entidade supramunicipal para avaliar posibles vías de cooperación futura

A Consellería e a Deputación de Ourense veñen colaborando con anterioridade a través dun protocolo para apoiar a catro mancomunidades, as do Ribeiro, Terras de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín, na mellora da prevención e defensa fronte o lume

En virtude desta colaboración entregáronse este mesmo mes unha ducia de tractores a esas catro mancomunidades e facilitouse a creación de 16 brigadas no seo destas entidades, ás que, ademais, se lles deu maquinaria e formación

Ourense, 19 de febreiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantivo esta mañá unha reunión cos alcaldes da Mancomunidade Voluntaria de municipios da Comarca de Ourense, na que se integran os concellos de Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo. O encontro serviu para avanzar na colaboración entre a Xunta e esta entidade supramunicipal na loita contra os incendios forestais. Así, avaliáronse diferentes posibles vías de cooperación futura.

Cómpre lembrar que Medio Rural e a Deputación ourensá veñen cooperando de xeito habitual no apoio a catro mancomunidades, as do Ribeiro, Terras de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín, con esta finalidade. Así, a principio deste mes de febreiro entregábanse, no marco deste protocolo, unha ducia de novos tractores con rozadoira para labores de prevención e extinción a estas mancomunidades.

Tractores, brigadas e maquinaria

Ao abeiro deste acordo, ademais da entrega destes tractores, creáronse 16 brigadas que estiveron traballando durante seis meses, entre abril e outubro, nestas catro mancomunidades, ás que tamén se lles outorgou cadansúa máquina hidrostática polivalente. A maiores, ofreceuse formación para o persoal das brigadas no Centro de Loita contra o Lume de Toén.

No eido da colaboración interadministrativa fronte os incendios, cómpre sinalar tamén o convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, as máis próximas ás vivendas, asinado no mes de decembro pola Consellería do Medio Rural coa empresa pública Seaga e ao que os municipios poden adherirse, se así o desexan. O convenio está dotado con 25 millóns de euros que se enmarcan dentro dos 75,38 millóns destinados neste 2026 pola Xunta a prevención, un 50% máis que o ano pasado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2026