A Xunta destaca o papel das mesas de comercio local para a coordinación público-privada a prol de medidas adaptadas á realidade de cada concello
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na Mesa de comercio local de Betanzos e, ao final da mañá, asistirá tamén á de Curtis, poñendo en valor a importancia destes espazos como encontros de diálogo e cooperación
Betanzos (A Coruña), 20 de febreiro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na Mesa de comercio local de Betanzos, un encontro no que se abordaron distintos proxectos de dinamización comercial previstos para 2026 e se avaliaron propostas orientadas a fortalecer o tecido comercial da vila, co propósito de consolidar a venda de proximidade como eixo central da actividade económica local.
Durante a reunión, o director xeral lembrou diferentes apoios autonómicos, como os dirixidos a impulsar os mercados e prazas de abastos da Comunidade ou as axudas actualmente en prazo —ata o 12 de marzo— destinadas a apoiar as actuacións dos centros comerciais abertos. Estas últimas, sinalou, contan cun orzamento de 2,5 M€ e buscan potenciar a excelencia destas entidades, reforzando a súa capacidade para dinamizar as contornas nas que se integran.
Ao remate da mañá, Gabriel Alén desprazarase tamén á Mesa de comercio local de Curtis, onde se reunirá con representantes do sector comercial do municipio para seguir avanzando en liñas de actuación adaptadas ás súas necesidades específicas.
O director xeral destacou a utilidade destas Mesas como instrumentos que permiten coñecer de primeira man as demandas do sector e deseñar medidas axeitadas á súa realidade. Subliñou que estes encontros continuarán a reforzarse no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, ao constituír unha vía eficaz para garantir unha coordinación fluída entre a Administración local e as asociacións de comerciantes, favorecendo a reflexión conxunta e a toma de decisións orientadas á dinamización do comercio de proximidade. Engadiu, ademais, que a implicación directa das administracións e do sector privado facilita anticipar retos, impulsar accións con impacto real nas vilas e cidades galegas e consolidar o comercio local como motor de desenvolvemento económico e social en Galicia.