A Xunta pon de relevo a rede integrada xa por sete Mercados Excelentes coa previsión de acadar os 10 espazos certificados este ano e os 25 a final de 2030

O director xeral de Comercio e Consumo respondeu hoxe no Parlamento unha pregunta relacionada co apoio do Goberno autonómico ás prazas de abastos galegas

Gabriel Alén celebrou a incorporación de Tui á Rede de Mercados Excelentes e que tanto o aumento das axudas autonómicas concedidas como o novo Plan de impulso para mellorar as prazas de abastos se vaia traducir en novos espazos co selo en breve

Referiuse especialmente á provincia de Ourense, onde as obras financiadas pola Xunta que están en marcha en Xinzo, O Carballiño e Ribadavia suporán que a metade dos seis mercados ourensáns vexan certificada a súa excelencia nos próximos meses

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2026

A Rede de Mercados Excelentes de Galicia que acadou onte os sete espazos certificados coa incorporación do de Tui avanza de xeito decidido cara á consecución dos 10 selos este ano e os 25 ao final de 2030, obxectivos fixados no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Así o destacou o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, que puxo en valor hoxe na comisión 6ª do Parlamento galego tanto o aumento progresivo das axudas autonómicas concedidas para a mellora das prazas de abastos como o novo Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes á hora de dar pulo á excelencia e modernización deste tipo de instalacións.

Destacando os mercados como o mellor escaparate do produto fresco, de calidade e de proximidade en Galicia no corazón de vilas e cidades, Alén citou como fitos clave deste 2026 a nova regulación e simplificación do proceso de adquisición do selo de Mercado Excelente e o Plan de impulso que aposta pola sinatura de convenios coas entidades locais co gallo de promover as obras de mellora e modernización necesarias nos espazos que aspiran ao distintivo de calidade, cun apoio autonómico de ata o 70 %. Nesa liña, tamén se rubricou un protocolo provincial coa Deputación de Ourense que, neste caso, compromete ata un 20 % de financiamento.

Todo isto súmase ás achegas da Xunta que viñeron rexistrando un incremento sostido especialmente na liña dedicada á diagnose, que supón levar a cabo unha auditoría do que se debe facer para modernizar as instalacións e así chegar a ser Mercado Excelente. Segundo o director xeral, esta folla de ruta autonómica permitiu conceder este ano catro selos, concretamente ás prazas de abastos de Carballo, Ribeira, Ponteareas e Tui. Engadíronse ás xa certificadas de Pontedeume, Tomiño e Vilagarcía de Arousa.

Compromiso da Xunta

Na súa intervención, o director xeral salientou que este ano se sentaron as bases —a través dos respectivos convenios— para contar con Mercados Excelentes en Ames, Sanxenxo, Xinzo de Limia, Ribadavia e O Carballliño, cun investimento total de 12,3 M€ do que a Xunta de Galicia asume na maioría dos casos o 70 %. Nos tres últimos citados, o distintivo de excelencia suporá ter certificadas a metade das seis prazas de abastos existentes na provincia de Ourense.

Facendo fincapé no labor e dinamismo do cento de prazas de abastos galegas e avogando de xeito decidido pola colaboración entre administracións para darlles a relevancia que merecen, o representante autonómico concluíu mencionando as actuacións importantes que en breve se materializarán na incorporación á Rede de Mercados Excelentes de Galicia.

Na provincia da Coruña, a mencionada de Ames, a da Magdalena en Ferrol e a de Cee; na de Pontevedra, a de Sanxenxo e as de Mondariz Balneario, Ribadumia, O Grove, Redondela, Oia, Cangas, A Guarda, Salceda de Caselas e O Porriño; na de Lugo, as prazas de abastos de Viveiro e Ribadeo e, en Ourense, as citadas de Xinzo de Limia, Ribadavia e O Carballiño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2026