A Xunta reforzará o seu compromiso na loita contra o cancro coa creación do Consello Técnico Asesor dos Cribados

A Consellería de Sanidade somete a información pública o borrador de orde de creación deste organismo a través do Portal de Transparencia e Goberno aberto

A creación deste órgano suporá a incorporación formal dos pacientes aos procesos de toma de decisións

Integrado por 14 membros, o Consello contará con expertos en epidemioloxía, oncoloxía médica, medicina preventiva, xenética, aparello dixestivo, patoloxía de mama e colo do útero, ademais de representación das asociacións de pacientes

O novo órgano encargarase de publicar informes de xeito periódico e de elaborar unha memoria anual de  actividades

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026

A Consellería de Sanidade vén de publicar no Portal de Transparencia e Goberno aberto o proxecto de orde para a creación do Consello Técnico Asesor dos Programas de Detección Precoz do Cancro, un órgano colexiado que terá como obxectivo elevar os estándares de equidade, eficiencia e transparencia nos programas de cribado da comunidade. 

Con esta iniciativa, a Xunta busca consolidar o éxito do seu programa de cribados poboacionas actual (mama, colorrectal e cérvix), así como integrar os últimos avances científicos na estratexia de saúde pública.

O novo órgano non só funcionará como un órgano de consultoría técnica para a toma de decisións baseadas na evidencia científica, senón que tamén actuará como ponte para fomentar a participación activa dos pacientes. 

Neste sentido, o seu obxectivo é construír unha relación de confianza que incremente a adherencia da poboación ás probas de detección, o cal é crítico para diagnosticar tumores en estadios iniciais e mellorar as taxas de supervivencia.

O novo Consello asesor será un espazo de transparencia onde se compartirá información actualizada e deseñaranse as estratexias de mellora para os programas de detección precoz do cancro. Deste xeito, Galicia situarase á vangarda da xestión participativa en saúde pública.

Así, terá o deber de elaborar unha memoria anual de actividades e os seus informes e recomendacións serán públicos para a cidadanía a través do Observatorio de Saúde Pública de Galicia. Deste xeito, a Xunta garante que os resultados dos programas sexan accesibles e transparentes para toda a sociedade.

Por último, o comité encargarase de supervisar a expansión dos cribados a colectivos vulnerables e tamén da implementación de novas tecnoloxías nos programas de cribado poboacionais, como pode ser a incorporación da intelixencia artificial no cribado de mama.

Composición do Consello Técnico Asesor

O Consello Técnico Asesor dos Programas de Detección Precoz do Cancro estará integrado por 14 membros, garantindo unha visión multidisciplinar no referido á diagnose, tratamento e seguimento dos deferentes cancros. 

A presidencia do órganos recaerá na persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública e a vicepresidencia na persoas que sexa titular do Centro Galego de Prevención e Control de Enfermidades (CEGACE).

Ademais, contará con expertos en epidemioloxía, oncoloxía médica, medicina preventiva, xenética, aparello dixestivo, patoloxía de mama e colo do útero, ademais de representación das asociacións de pacientes.

Os membros serán designados por un período de tres anos e reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez ao ano. Así mesmo, poderanse crear grupos de traballo específicos para abordar retos concretos como pode ser avanzar no diagnóstico precoz.

Coa formalización deste órgano Xunta reafirma o seu compromiso na loita contra o cancro e dá un paso máis cara á excelencia no que atinxe ao diagnóstico, tratamento e seguimento das enfermidades oncolóxicas.

Data de actualización: 20/02/2026