A Xunta e a Deputación de Pontevedra avanzan na súa coordinación para reforzar a atención e asesoramento ao emprendemento na provincia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acordou co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, consolidar os recursos a prol do traballo por conta propia a través da Rede autonómica de polos e dos servizos provinciais Smart Peme

Pontevedra, 21 de febreiro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, vén de manter un encontro co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, no que acordaron avanzar na coordinación e colaboración de ambas Administracións de cara a reforzar a atención e asesoramento ao emprendemento na provincia, a través da Rede de polos do Goberno autonómico e dos servizos provinciais Smart Peme. No encontro, no que tamén estiveron presentes o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, todos apostaron así por ampliar e consolidar os recursos a prol do traballo por conta propia, facendo fincapé na necesidade de apostar pola innovación e polas novas tecnoloxías en sectores clave para o desenvolvemento económico e para a fixación de poboación como o comercio local.

Cómpre recordar que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego impulsada pola Xunta conta con 15 oficinas en toda Galicia das que tres se atopan na provincia de Pontevedra. En concreto, os centros de Silleda, Vilanova de Arousa e O Porriño levan atendido ata o momento máis de 1.600 proxectos en conxunto (a meirande parte, do sector comercial) e contribuído á creación de máis de 110 empresas. Coas persoas emprendedoras que se achegaron a estes tres Polos (58 % delas, mulleres) realizáronse máis de 3.800 titorías, tanto de xeito presencial como telemático.

No encontro tamén se abordou a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, actualmente en período de consultas con todo o sector, e orientada a fixar actividade económica no rural e a favorecer o equilibrio territorial e a remuda, abranguendo todo o ciclo emprendedor. Tamén o Manifesto de vontades para a creación da Rede Ultreia, un ecosistema galego de fomento de emprendemento baseada na colaboración público-privada, asinado pola Xunta e polas entidades representantes do ecosistema e que segue reunindo novas adhesións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2026