A Xunta destaca o seu compromiso cos centros educativos de Vigo, cun investimento de máis de 31 M€ no Plan de nova arquitectura pedagóxica
Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial en Vigo, visita o Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade, onde se está a investir case 2 M€
Insiste na necesidade de que o Goberno central habilite un Plan nacional para obras en colexios e institutos, así como na redución do IVE nestas intervencións
Vigo, 21 de febreiro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe o Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade, onde a Xunta está a investir case 2 M€ no cambio de cubertas e rehabilitación. O titular do departamento educativo lembrou que Vigo é a cidade na que o Goberno galego está a realizar un maior investimento en materia de obras educativas, “froito do compromiso cos colexios e institutos desta urbe”.
“Só no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, estamos a investir máis de 31 M€ na cidade, con actuación tan importantes como a que estamos a acometer neste centro”, dixo o conselleiro. Destacou tamén a construción do primeiro instituto de Galicia deseñado de xeito íntegro en base aos modernos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica, o IES Domingo Villar, en Navia, cun investimento de 17,8 M€.
Entre as intervencións máis recentes sinalou a substitución das cubertas e rehabilitación do CIFP Manuel Antonio (1,5 M€), actualmente na fase final; o cambio de cuberta do Colexio Chans de Bembrive (245.000 €, xa rematada), así como a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Carballal-Cabral (520.000 €), xa licitada e en proceso de adxudicación.
Román Rodríguez sinalou todas estas intervencións como unha clara mostra da aposta do Goberno galego coa conservación e renovación das instalacións educativa, “tarefa que desenvolvemos sen ningún tipo de apoio do Goberno central”. Neste sentido, insistiu na necesidade de que Moncloa elabore un Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas con financiamento estatal que permita intensificar estas obras. “Os concellos e a Xunta non podemos asumir sós estas responsabilidades, precisamos fondos estatais”, incidiu.
Reiterou, ademais, a petición de que o Goberno estatal baixe ao tipo reducido do 10% o IVE das obras de construción, reforma ou rehabilitación de centros de ensino públicos, ao tratarse de actuacións vencelladas á prestación dun servizo esencial e básico como é a educación. Ambas cuestións foron aprobadas no Parlamento de Galicia.
Renovación da envolvente
No que atinxe á obra no CIFP Valentín Paz Andrade, explicou que o obxectivo desta actuación “é solucionar os problemas de estanqueidade, o que redunda nun maior illamento térmico do centro, unha redución do consumo enerxético e unha maior comodidade no día a día de docentes e alumnos”. “A obra que estamos a realizar céntrase na renovación da envolvente do centro, é dicir, cubertas, fachadas e fiestras, e constitúe a primeira fase cunha actuación máis ambiciosa de rehabilitación integral que prevemos completar no futuro”, sinalou o representante da Xunta.
En concreto, múdanse 10.585 m² de cubertas do centro por unha nova cubrición de panel sándwich de chapa de aceiro con illamento térmico, cambiando tamén os canos e as baixantes. A retirada da cubrición antiga só pode realizarse cando o alumnado non está no centro, polo que a actividade da obra recuperarase unha vez os estudantes vaian entrando de prácticas nas empresas e non precisen empregar os talleres. Neste momento, a actuación está executada ao 35%, e o centro está informado dos pormenores do desenvolvemento dos traballos. Prevese que rematen a principios de outono.
A intervención inclúe tamén a reparación dos 125 m² de fachadas en mal estado, aplicándolles tamén illamento térmico tipo SATE, o cambio dos falsos teitos dos talleres e a instalación dun novo colector de pluviais.
Así mesmo, substitúense as carpinterías exteriores dos lucernarios do salón de actos por unhas novas de aluminio anodizado e dobre acristalamento climalit. Tamén se limpa, repara e impermeabiliza a cuberta plana practicable do patio interior.