Rueda subliña que Galicia segue á vangarda en saúde pública ao ser a primeira comunidade en prohibir a venda de bebidas enerxéticas a menores
Lembra que coa Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, que entrará en vigor o 7 de marzo, estas bebidas quedan equiparadas ao alcol e os vapeadores ao tabaco
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliña que Galicia segue “á vangarda en saúde pública” coa Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas. Segundo resalta o responsable do Executivo autonómico nun vídeo difundido hoxe en redes sociais, nesta norma “as bebidas enerxéticas equipáranse ao alcol e os vapeadores ao tabaco” a nivel de restricións, polo que queda prohibida a súa venda e consumo a menores de idade.
Rueda sinala que coa nova lei, que entrará en vigor o vindeiro 7 de marzo, “Galicia convértese na primeira comunidade en regular esta materia”, co obxectivo de “previr futuras conductas adictivas”. No vídeo publicado hoxe o presidente convida á reflexión, lembrando que a maioría das bebidas enerxéticas teñen a mesma cantidade de cafeína que beber “tres cafés de golpe” (de media, este tipo de produtos conteñen de 160 a 240 mg de cafeína nunha lata).
Lei pioneira
Coa Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, a Xunta é a primeira Administración en elaborar unha norma que abrangue todos os riscos de comportamento para os menores de idade, incluídos produtos emerxentes. Esta norma aborda tanto adiccións con substancias como sen substancia (xogo, tecnoloxías...) e combina a prevención e a promoción da saúde co control da oferta.
Entre outros aspectos, non estará permitido fumar nin vapear en piscinas de uso público nin en marquesiñas de transporte público nin nun radio de 50 metros de centros docentes, sanitarios e edificios da administración pública. A partir do 7 de marzo tampouco estará permitida a publicidade de bebidas alcohólicas nin enerxéticas na vía pública nunha área de 100 metros de centros docentes e de centros de acollida, de protección e de cumprimento de medidas xudiciais de menores de idade.
As sancións previstas poderán substituírse por programas de cesación tabáquica ou de concienciación sobre os prexuízos do consumo de alcohol para incidir no labor preventivo ou, tamén, por traballos en beneficio da comunidade.