A Xunta prevé o pago de máis de 18,5 M€ aos colexios de avogados e procuradores pola quenda de oficio ata setembro deste ano
O Diario Oficial de Galicia publica as ordes para o cuarto trimestre de 2025 e os tres primeiros de 2026 para compensar a estes profesionais polo servizo da asistencia xurídica gratuíta
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as contías fixadas para o cuarto trimestre de 2025 e os tres primeiros trimestres de 2026 para compensar os colexios da avogacía e da procuradoría de Galicia polas actuacións dos seus colexiados na quenda de oficio. A cantidade que se prevé pagar neste período é de máis de 18,5 millóns de euros, dos que máis de 16 millóns corresponden aos colexios da avogacía e máis de 1 millón ao da procuradoría, o cal implica un incremento do 20% con respecto a 2025.
O investimento da Xunta neste servizo de asistencia xurídica gratuíta supera os 188 millóns de euros desde 2009: case 174 millóns no caso do pago aos profesionais da avogacía e os case 15 millóns restantes para os da procuradoría. Neste período a porcentaxe de aumento de gasto anual foi dun 28,5%, cunha media de case 13 millóns de euros nos últimos dous anos. O importe xa aboado con cargo aos orzamentos de 2025 superou para a avogacía e a procuradoría os 17 millóns de euros no cuarto trimestre de 2024 e os primeiros trimestres do pasado exercicio.
Os baremos actualmente vixentes sitúan Galicia entre os primeiros postos de España no referente ás compensacións aos profesionais da quenda de oficio. A Administración autonómica vén introducindo nos últimos anos melloras na xestión deste servizo, que considera fundamental para garantir a igualdade de condicións de toda a cidadanía no acceso á Xustiza. Grazas ás medidas que se foron tomando, Galicia é unha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas polos colexios profesionais de avogados e procuradores.