O conselleiro de Sanidade, acompañado do director executivo da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, e do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza supervisou esta tarde no Clínico a toma de mostras
A Xunta inicia hoxe unha nova fase do proxecto Xenoma Galicia coa análise do ADN de 5.000 persoas
A recollida de mostras comeza hoxe na área sanitaria de Santiago e Barbanza na que se programarán 828 citas e estenderase, progresivamente, ao resto da comunidade
A fase piloto de Xenoma Galicia, na que se recolleron 2.000 mostras de sangue e de saliva, permitiu identificar 24 persoas portadoras de variantes xenéticas de alto risco
O proxecto conta cun investimento de 20 M€ e reforza a aposta da Xunta pola medicina personalizada e preventiva
O conselleiro de Sanidade convida a todas as persoas que reciban a mensaxe a participar, para obter información sobre a súa propia saúde e para formar parte do “gran proxecto de país” que é o Xenoma Galicia
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2026.
A Xunta inicia hoxe unha nova fase do Proxecto Xenoma Galicia coa recollida de sangue de 5.000 persoas para analizar o seu ADN. Esta nova fase de recollidas comeza hoxe na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, na que se programarán 828 citas, e estenderase logo, progresivamente, ao resto das áreas sanitarias de Galicia.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do director executivo da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, e do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, supervisou esta tarde no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela a toma de mostras.
Co inicio desta nova etapa, a Xunta dálle continuidade á fase inicial dun programa no que xa se analizaron 2.000 mostras biolóxicas de sangue e de saliva. Estes estudos permitiron detectar 24 variantes de risco asociadas a diferentes patoloxías hereditarias como son o cancro de mama e ovario hereditarios, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar.
Na xornada de hoxe, comeza a recollida de 5.000 novas mostras en toda Galicia. Na área sanitaria de Santiago e Barbanza habilitáronse un total de 828 ocos de citas para proceder á recollida de mostras, concretamente, 703 en Santiago e 125 en Barbanza.
Durante a súa visita ao hospital compostelá, Gómez Caamaño destacou carácter pioneiro deste proxecto e remarcou a gran valía que terán os seus resultados para avanzar nos ámbitos da medicina preventiva e personalizada. Así, convidou a toda a poboación que reciba a súa invitación (vía SMS) a participar neste ambicioso proxecto.
Xenoma Galicia, un proxecto de país
A participación no Proxecto Xenoma Galicia é totalmente voluntaria, pero precisa dunha invitación previa por parte do departamento sanitario da Xunta.
Deste xeito, en cada unha das súas fases as persoas seleccionadas de forma aleatoria recibirán no seu móbil unha mensaxe SMS cunha invitación e unha relación informativa sobre o programa. Tras o envío desta mensaxe, os participantes deberán solicitar a súa cita a través da aplicación Sergas Móbil. As citas están dispoñibles de luns a xoves en horario de tarde. O persoal sanitario informará os participantes e levará a cabo unha extracción da mostra de sangue, sen necesidade de acudir en xaxún.
O Proxecto Xenoma Galicia, impulsado pola Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica conta cun investimento total de 20 millóns de euros e busca analizar o ADN de 400.000 galegos.
Pola porcentaxe de poboación incluída, Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo. Permitirá predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.
Isto porá a Galicia na primeira liña da investigación biomédica, ademais de ser un revulsivo para a industria biotecnolóxica e farmacéutica do país.
A Xunta convida a toda a cidadanía que reciba a mensaxe a participar neste "gran proxecto de país" que, ademais de permitir aos cidadáns obter información vital sobre a súa propia saúde tamén contribuirá dun xeito significativo ao avance da ciencia na nosa comunidade.