O delegado territorial da Xunta visitou na cidade de Ourense o CPR Luis Vives, un dos centros participantes nesta campaña na provincia de Ourense

Manuel Pardo sinala o proxecto 'Clases sen fume' da Xunta, como unha ferramenta para loitar contra o tabaquismo no ámbito escolar da provincia Ourense

O delegado territorial resaltou que esta iniciativa desenvolvida pola Consellería de Sanidade coa colaboración da Consellería de Educación e da Dirección Xeral de Xuventude, vai dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO e compromete ao alumnado e ao profesorado de cada aula a non fumar durante seis meses, reforzando así a decisión voluntaria de manter hábitos de vida saudables

Manuel Pardo fixo un chamamento ao alumnado e a toda a mocidade da provincia para que se impliquen activamente na loita contra o tabaquismo e tomen conciencia dos efectos prexudiciais dese hábito tanto para a saúde como para o medio ambiente

Ademais deste centro educativo tamén participan neste programa os colexios IES de Allariz (Allariz), CPR Sagrado Corazón (Celanova), CPR María Inmaculada (Verín), IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia), CPI José García García, CPR Padre Feijoo Zorelle e IES O Couto (Ourense)

Ourense, 24 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá na cidade de Ourense ao colexio CPR Luis Vives, un dos oito centros educativos da provincia de Ourense que participan no programa Clases sen fume, desenvolvida pola Consellería de Sanidade coa colaboración da Consellería de Educación e da Dirección Xeral de Xuventude, que pretende evitar o inicio do consumo de tabaco entre a mocidade ourensá.

O delegado territorial explicou que esta campaña da Xunta, integrada no Plan Proxecta, vai dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO e compromete ao alumnado e ao profesorado de cada aula a non fumar durante seis meses, reforzando así a decisión voluntaria de manter hábitos de vida saudables, promovendo unha presión de grupo positiva a través do traballo en equipo na aula, e ademais  convidarlles a participar nun concurso para elaborar e presentar actividades relacionadas coa prevención do tabaquismo.

Manuel Pardo aproveitou a súa visita para facer un chamamento ao alumnado e a toda a mocidade da provincia para que se impliquen activamente na loita contra o tabaquismo e tomen conciencia dos efectos prexudiciais dese hábito tanto para a saúde como para o medio ambiente. «Ningún produto do tabaco, incluídos os cigarros electrónicos, é seguro», advertiu destacando os riscos específicos que representa o consumo de nicotina en menores de 25 anos, xa que dana as zonas do cerebro encargadas da atención, a aprendizaxe, o estado de ánimo e o control dos impulsos.

Nesta liña, alertou que ningún produto do tabaco, incluídos os cigarros electrónicos, é seguro. Isto é especialmente importante no caso dos menores de 25 anos, nos que o uso da nicotina dana o seu cerebro aínda en desenvolvemento. As zonas deste órgano que se ven mais afectadas son as que controlan a atención, a aprendizaxe, o estado de ánimo e os impulsos.

Os centros educativos participantes

O representante do Goberno galego detallou que ademais deste centro educativo ourensá, tamén participan os colexios  IES de Allariz (Allariz), CPR Sagrado Corazón (Celanova), CPR María Inmaculada (Verín), IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia), CPI José García García, CPR Padre Feijoo Zorelle e IES O Couto (Ourense).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2026