A Xunta reafirma o seu compromiso coa saúde e o benestar emocional a través do documental 'Expedición Mental'

O conselleiro de Sanidade participará na presentación deste documental que se proxectará o xoves 26 de febreiro na sede de Afundación de Santiago de Compostela

A obra de Rubén Riós emprega o Camiño de Santiago para achegar a realidade da saúde mental desde a perspectiva dos profesionais sanitarios e tamén da dos pacientes

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026

A Consellería de Sanidade reafirma a súa aposta pola sensibilización e o benestar emocional da poboación galega na presentación do documental Expedición Mental, unha obra dirixida polo cineasta Rubén Riós que se proxectará este xoves, 26 de febreiro, na sede de Afundación de Santiago de Compostela.

Integrado no circuíto de proxeccións sociais que percorrerá toda Galicia, o documental emprega 1.000 quilómetros do Camiño do Norte, desde Hendaia ata Fisterra, como eixe narrativo para falar da saúde mental.

Así, ao longo deste roteiro, profesionais da saúde mental e pacientes compartirán as súas experiencias co obxectivo de axudar a outras persoas que atravesen por situacións semellantes.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participará no acto de presentación dunha iniciativa cuxa efectividade quedou patente na súa proxección internacional en Alemaña, onde un asistente solicitou axuda pública tras o seu visionado.

Ademais da proxección do documental Expedición mental, o evento contará tamén cun coloquio no que representantes institucionais e expertos sanitarios reflexionarán sobre a necesidade de fomentar o diálogo ao redor da concienciación social, a promoción do benestar emocional e a prevención do suicidio.

Data de actualización: 24/02/2026