Galicia presenta o seu modelo de innovación educativa a docentes franceses

Unha delegación procedente da rexión académica de Bretaña visita o Centro de Innovación Educativa e Dixital e varios colexios e institutos de toda a Comunidade

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, abriu hoxe a xornada O ensino das matemáticas en Galicia, a través da que se amosa o modelo galego de innovación educativa a unha delegación de profesores da Rexión Académica de Bretaña (Francia) que está a visitar Galicia estes días.

Ademais do encontro de hoxe, centrado no ensino das matemáticas e no que tiveron a oportunidade de coñecer tamén o Centro de Innovación Educativa e Dixital, a delegación de docentes achegarase ao longo da semana á realidade dos centros galegos. Farao con visitas aos colexios Plurilingüe Felipe de Castro (Noia), Plurilingüe Manuel Sueiro (Ourense) e Fermín Bouza Brey (Ponteareas), aos centros públicos integrados de Mosteiro-Meis (Meis) e Domingo Fontán (Portas) e aos institutos Maximino Romero de Lema (Zas) e Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos).

Cómpre lembrar que esta rexión participa no programa de intercambio de estudantes EduFrance, que a Xunta impulsa no marco do programa Galemundo, e ao abeiro do que alumnos franceses e galegos viven unha experiencia de integración nos respectivos sistemas educativos, en réxime de acollemento en familias do alumnado.

Data de actualización: 24/02/2026