O presidente da Xunta visitou as instalacións do grupo empresarial en Ferrol

Rueda agradece a aposta que fan empresas como Ghenova por Galicia a través da innovación, a sustentabilidade e a creación de emprego cualificado

Afirma que o traballo da compañía representa “unha boa expresión da Galicia Calidade que tamén está nas cousas máis punteiras”

Subliña que o futuro pasa polas enerxías verdes como a eólica mariña, ao tempo que defende que “hai que compatibilizar os nosos recursos pesqueiros, que son fundamentais, co desenvolvemento de esa nova oportunidade que supón esta tecnoloxía”

A compañía está a realizar na auditoría enerxético-ambiental impulsada polo Goberno galego para permitir aforrar custos, avanzar na descarbonización e blindar o subministro eléctrico en 193 polígonos industriais e 122 portos galegos

Ferrol, 24 de febreiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda agradeceu hoxe a aposta do Grupo Ghenova por Galicia, apostando pola innovación, a sustentabilidade, a dixitalización e a creación de emprego cualificado, “unha boa expresión da Galicia Calidade que tamén está nas cousas máis punteiras”, afirmou.

Así se referiu tras unha visita ás oficinas que a empresa ten en Ferrol dende hai máis de dúas décadas –tamén contan con sede en Vigo dende o 2015–, e na que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Durante o percorrido, o titular do Goberno galego puxo en valor o talento e a capacidade tecnolóxica de compañías que, como Ghenova, actúan como un verdadeiro motor de crecemento para a comarca e para o conxunto da comunidade.

O grupo, con raíces sevillanas, está especializado en diferentes ramas de actividade como a enerxía e a industria, as infraestruturas e as solucións integrais e, especialmente, no sector naval. “Creo que en Galicia, con todo o traballo que se fixo agora e coa reconversión que están facendo moitas empresas tamén pequenas desde o punto de vista tecnolóxico, temos un horizonte por diante no eido da defensa moi potente, e moito máis tendo aquí a Navantia”, asegurou, ao tempo que indicou que “desde logo, a Xunta vai acompañar”.

Así mesmo, Ghenova vén ampliando a súa actividade nos últimos anos cara a proxectos de desenvolvemento de solucións dixitais ou no ámbito da enerxía renovable. Ao respecto, o presidente do Goberno galego lembrou que o futuro pasa polas enerxías verdes e que Galicia conta con recursos naturais excepcionais, infraestruturas e coñecemento para liderar esta transición.

“Agora ábrese unha xanela coa eólica mariña; por fin parece ser que se empezan xa a dar pasos definitivos así que preservando todo o medio mariño, hai que compatibilizar os nosos recursos pesqueiros, que son fundamentais, co desenvolvemento de esa nova oportunidade que supón esta tecnoloxía”, afirmou.

De feito, a Xunta participará na consulta previa convocada polo Estado para esixir que Galicia sexa incluída na primeira poxa de eólica mariña e reivindicar que os beneficios sociais e económicos desta actividade queden no territorio, sempre baixo a premisa da coexistencia co medio mariño e coas actividades existentes.

Colaboración en verde

O Grupo Ghenova está a realizar unha auditoría enerxético-ambiental impulsada pola Xunta co fin de que os peiraos e áreas empresariais da comunidade sexan máis eficientes, competitivos e autosuficientes. Este proxecto pioneiro permitirá deseñar solucións para aforrar custos, avanzar na descarbonización e blindar o subministro eléctrico en 193 polígonos industriais e 122 portos galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2026