Medio Rural amosa ao sector forestal as súas ferramentas tecnolóxicas de última xeración para a loita contra o lume
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, reuniuse hoxe con responsables da empresa Finsa para explicarlles o funcionamento da solución XeoCode Lite e o sistema de videovixilancia forestal
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, reuniuse hoxe con responsables da empresa do sector forestal Finsa para amosarlles o funcionamento da ferramenta informática XeoCode Lite e o sistema de videovixilancia dos montes galegos, ambos instrumentos desenvolvidos pola Consellería do Medio Rural xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega.
Na xuntanza, que tivo lugar no Centro de Coordinación Central de defensa contra os incendios forestais, na sede da propia Dirección Xeral, Manuel Francisco e técnicos do seu departamento explicaron aos representantes desta empresa as características do XeoCode Lite, unha solución coa que o persoal do servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta (SPIF) pode monitorizar, a través dos seus dispositivos móbiles, a información operativa relacionada cos lumes.
Así, estes profesionais están en condicións de consultar datos como o punto onde se orixinou incendio, a súa evolución, os recursos asignados, puntos de subministración de auga, infraestruturas de defensa, cartografía vectorial actualizada ou fotografías referenciadas. Ademais, o XeoCode Lite dispón dun sistema de datos de predición meteorolóxica e aporta tamén outra información como as descargas de auga realizadas polos medios aéreos.
En relación co sistema de videovilixancia dos montes, cómpre lembrar que a finais do pasado ano Medio Rural, a Amtega e Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal) asinaron un convenio para a ampliación, operación e xestión desta rede, un acordo que suporá o investimento de máis de 2,2 millóns de euros ata 2027, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027.
Esta colaboración permitirá reforzar esta rede de videovixilancia para chegar ata un total de 237 cámaras en 109 puntos distribuídos por todo o territorio galego. A principal novidade é que se instalarán 56 dispositivos en 19 bases aéreas e centros de titularidade pública xestionados pola Dirección Xeral de Defensa do Monte, entre as que se atopan espazos como o Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén, a base de Botos de Lalín ou a nova base de unidades operativas de Rianxo.