A Xunta aborda co Colexio da Avogacía da Coruña avances na xustiza gratuíta

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, mantivo unha reunión co presidente e outros representantes do ente colexial

A Coruña, 25 de febreiro de 2026

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, reuniuse hoxe co decano do Ilustre Colexio Provincial da Avogacía da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda, e outros representantes do ente colexial para abordar diferentes cuestións en relación coa xustiza gratuíta. Nesta liña, acordouse avanzar nun convenio co fin de establecer un servizo público de Medios Axeitados de Solución de Controversias (MASC) para uso das persoas beneficiarias do dereito da asistencia xurídica gratuíta, así como reactivar a negociación do próximo baremo coa inclusión deste concepto.

Cómpre lembrar que o pasado luns se publicaron no Diario Oficial de Galicia as contías fixadas para o cuarto trimestre de 2025 e os tres primeiros trimestres de 2026 para compensar os colexios da avogacía e da procuradoría de Galicia polas actuacións dos seus colexiados na quenda de oficio. A cantidade que se prevé pagar neste período é de máis de 18,5 millóns de euros, dos que máis de 16 millóns corresponden aos colexios da avogacía e máis de 1 millón ao da procuradoría, o cal implica un incremento do 20% con respecto a 2025.

Por outra banda, o director xeral expuxo que a Xunta, xunto co resto das comunidades autónomas con competencias transferidas en xustiza e o Ministerio de Xustiza, forma parte do grupo de traballo para a elaboración dunha nova Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta, polo que lle propuxo ao Colexio da Avogacía da Coruña crear unha comisión de seguimento, para darlles participación e que poidan facer alegacións. O obxectivo é que esta comisión sexa a canle de comunicación para as propostas que realice a Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2026