A Xunta pon en marcha o curso de perfeccionamento en cestería ‘Fibranzas’ no marco do programa ‘Aprender da tradición. Oficios e técnicas’

A Fundación Artesanía de Galicia abre o prazo de inscricións para esta nova edición, que se desenvolverá entre marzo de 2026 e marzo de 2027 en San Cristovo de Mouricios (Chantada)

Centrado na profesionalización e na remuda xeracional do oficio, o itinerario formativo, estruturado en cinco módulos e 216 horas lectivas, contará coa participación de destacados profesionais da cestería

Trátase dun programa integral que aborda todo o proceso, desde a preparación das materias primas ata a creación do produto final, combinando técnicas tradicionais e creación contemporánea

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026

A Fundación Artesanía de Galicia presenta o curso de perfeccionamento Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais, que se desenvolverá en San Cristovo de Mouricios (Chantada) entre marzo de 2026 e marzo de 2027. Esta nova edición estará centrada no afondamento das técnicas vinculadas á cestería e na exploración das súas posibilidades no marco da artesanía contemporánea. O curso estrutúrase en cinco módulos, cun total de 216 horas de formación, e dá continuidade á edición iniciada no ano 2025, impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración co Espacio Vilaseco e Os Casares, e coordinado pola recoñecida cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Premio Artesanía de Galicia 2021 e Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2014.

Fibranzas, enmarcado no proxecto autonómico Aprender da tradición. Oficios e técnicas, configúrase como un programa de formación integral nos oficios vinculados á cestería, que abrangue desde a produción das fibras ata o deseño do produto final, pasando polas técnicas tradicionais e a súa conexión coa arte contemporánea.

As inscricións para o curso de perfeccionamento pódense realizar xa a través da web da Fundación Artesanía de Galicia, e terán prioridade aquelas persoas que xa participaron no curso desenvolvido no 2025. Para inscribirse é preciso ter dispoñibilidade para asistir á totalidade da formación. As prazas que queden libres serán para profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía e para persoas que se estean formando nestes tres oficios, co obxectivo de atraer novos profesionais á artesanía tradicional. O número de prazas é de 8 aínda que nalgúns talleres se pode incrementar ata 12 o número de participantes.

Programa

O curso contará coa participación de cesteiros de recoñecido prestixio, tanto da artesanía tradicional como contemporánea. O primeiro módulo, a finais de marzo, centrarase na obtención das fibras vexetais cesteables —castiñeiro e vimbio— e será impartido por Enrique Táboas (Mondariz) e o catalán Pau Trepat.

O segundo módulo, dedicado a técnicas complementarias e estruturas, dividirase en dúas partes: en abril, Pau Trepat e Idoia Cuesta abordarán o tecido de varas de vimbio aplicado a proxectos de interiorismo; mentres que en xuño, o mallorquino Tomeu Perelló impartirá un curso de encordado de cadeiras con enea e outras fibras vexetais.

O terceiro módulo, centrado no deseño e produción de obxectos, desenvolverase ao longo do resto de 2026. Entre finais de agosto e comezos de setembro, Andreu Carulla afondará no deseño de produto a partir das técnicas aprendidas. En outubro, os franceses Corentin Laval e Karen Gossart, do proxecto L’Oseraie d’Ile, ensinarán a técnica tradicional do Périgord para elaborar a cesta Bouyricou e tamén o Panier Galicien. Neste curso admitiranse catro participantes máis. O módulo pecharase en novembro cun curso sobre técnica hexagonal e deseño creativo con láminas de castiñeiro impartido por Idoia Cuesta, coa colaboración de Enrique Táboas.

O cuarto módulo terá lugar en xaneiro de 2027 e estará dedicado ás técnicas tradicionais avanzadas. Impartirao Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), Premio Nacional de Artesanía 2023, cun curso sobre o tecido das corozas galegas.

O quinto e último módulo, en marzo de 2027, centrarase en proxectos e técnicas inspiradoras vinculadas ao deseño paisaxístico con fibras vexetais, da man de Joan Farré, fundador da empresa Pont de Queirós. Estará aberto tamén a máis participantes.

Aprender da tradición

Iniciado a finais de 2023, Aprender da Tradición. Oficios e técnicas é un programa formativo único en España que busca garantir a remuda xeracional no sector artesanal galego, clave para a vertebración do territorio e a fixación de poboación no rural. Entre os seus obxectivos están capacitar artesáns para transmitir os seus coñecementos, formar novas xeracións, fomentar a comercialización de produtos locais, revalorizar os procesos artesanais tradicionais e consolidar un sector competitivo que aglutine o talento artesán.

Diríxese tanto a profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia como á captación de novos perfís. A través de formación práctica, recupera o modelo de aprendizaxe nos obradoiros como complemento á ensinanza teórica, garantindo a continuidade dos oficios vinculados ao territorio e contribuíndo á dinamización cultural, turística e económica de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2026