O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe nun encontro con representantes empresariais do municipio de Mos
A Xunta anima ao empresariado de Mos a solicitar os incentivos á contratación dispoñibles en beneficio de colectivos prioritarios como a mocidade
José González destacou o novo enfoque do programa Galicia Suma Talento: Emprégate, que mantén o prazo de solicitude aberto priorizando por primeira vez a contratación de persoas desempregadas previamente formadas ao abeiro das ordes autonómicas
Nese senso, destacou que este luns se aprobou en Consello o novo programa Talento Mozo, que incorpora compromisos de inserción e prioridade nas axudas á contratación, primando ademais os sectores con máis demanda de persoas traballadoras
Todo isto enmárcase na renovación integral das políticas activas de emprego para pechar o círculo da empregabilidade, que inclúe o redeseño integral da formación avanzando cara a un modelo máis flexible aliñado coas necesidades das empresas
Sobre a captación de talento exterior, o conselleiro urxiu ao Goberno central o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo para potenciar a folla de ruta de Galicia enfocada a atraer traballadores dun xeito planificado
Mos (Pontevedra), 25 de febreiro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, animou hoxe ao empresariado de Mos a solicitar os incentivos á contratación dispoñibles en beneficio final de colectivos prioritarios como a mocidade. Así na xuntanza —na que tamén estivo presente a alcaldesa do municipio, Nidia Arévalo— entre as principais iniciativas da Consellería para este ano, salientou o novo enfoque da orde Galicia Suma Talento: Emprégate, con prazo de solicitude aberto e 19,7 M€ en axudas que buscan apoiar a contratación das persoas desempregadas con maiores dificultades de inserción laboral.
Como principal novidade, sinalou que por primeira vez se dará prioridade a aquelas persoas que recibiran previamente formación para o emprego financiada con recursos autonómicos, reforzando así a conexión directa entre as políticas formativas da Xunta e a incorporación efectiva ao mercado laboral. Nese senso, destacou que o Consello da Xunta deste luns aprobou precisamente o redeseño dos programas de formación e emprego para a mocidade (6,6 M€) a través do novo programa Talento Mozo, que reforzará a incorporación ao mercado de traballo das persoas participantes con novos compromisos de inserción e prioridade nas axudas á contratación, primando ademais os sectores con máis demanda para atender as necesidades do tecido produtivo.
No marco da renovación integral das políticas activas de emprego, destacou tamén o novo modelo de formación para o emprego da Xunta, máis áxil, flexible e conectado co mercado laboralNeste marco situou medidas como o decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego e as ordes de formación en vigor, entre as que salientou as AFD, con 40 M€, e o Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas, dotado con 10,6 M€.
No eido das axudas, recordou que tamén se poden solicitar na actualidade as contidas na orde única para persoas traballadoras autónomas, que inclúe achegas ao inicio, mantemento, consolidación ou reactivación da actividade (40,7 M€); ou os apoios á contratación indefinida por parte do colectivo (1,3 M€) e ás asociacións que o representan (350.000 €). No relativo ao comercio, segundo explicou, está aberta a convocatoria destinada a impulsar o labor de dinamización dos centros comerciais abertos, cun orzamento de 2,5 M€.
Captación de talento ordenada
En relación coa captación de talento do exterior, José González referiuse ao novo escenario derivado da regulación extraordinaria de persoas inmigrantes en situación irregular anunciada polo Goberno central, que —ao seu xuízo— evidencia falta de planificación e rigor nun ámbito que debería abordarse como política de Estado.
Fronte a iso, remarcou que Galicia aposta por un modelo integral de inmigración ordenada, aliñado coas necesidades das empresas e baseado na integración laboral real, que se estrutura nun primeiro termo no retorno das persoas galegas do exterior e, nun segundo eixe, na atracción de talento procedente de terceiros países. Nesta folla de ruta, apuntou, resulta clave axilizar o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo solicitadas por Galicia para responder con eficacia ás necesidades do mercado laboral.