Medio Rural salienta o orzamento en prevención de incendios forestais cun incremento do 50 % este ano
A conselleira María José Gómez visitou hoxe as actuacións que se están levando a cabo no concello de Ponteareas a través do persoal Distrito Forestal XVII O Condado – A Paradanta en faixas auxiliares de pistas forestais
Explicou que as tarefas consisten na roza das marxes para reducir a vexetación, co obxectivo de mellorar os accesos ao monte e dispoñer de zonas máis seguras para o tránsito do persoal do dispositivo de loita contra os incendios
Resaltou que desde o Goberno galego todos os anos se promoven accións propias deste tipo como son a xestión de cortalumes, de pistas forestais ou puntos de auga
Tamén lembrou a importancia da prevención por parte dos particulares, que a Xunta apoia a través do novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado con Seaga
Ponteareas (Pontevedra), 25 de febreiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe o orzamento en prevención de incendios forestais para este ano, que se incrementou nun 50 % con respecto ao de 2025 ata chegar aos 75,38 millóns de euros. Fíxoo hoxe no concello de Ponteareas, onde comprobou as tarefas que se están a realizar neste eido por parte do persoal do Distrito Forestal XVII O Condado – A Paradanta na parroquia de Guláns.
Concretamente, explicou que se está actuando nas faixas auxiliares de pistas forestais coa roza de marxes para reducir a vexetación, co obxectivo mellorar os accesos ao monte e dispoñer de zonas máis seguras para o tránsito do persoal do dispositivo de loita contra os incendios. Os traballos de roza estanse realizando con maquinaria pesada punteira e complétanse con tarefas manuais a cargo dunha brigada.
A conselleira destacou que, aínda que a maior parte das accións preventivas de xestión da biomasa corresponden aos propietarios e aos concellos, desde o Goberno galego todos os anos realízanse actuacións propias como a xestión de cortalumes, de pistas forestais ou de puntos de auga. Unhas accións que cualificou como “prioritarias” para a Administración autonómica, que segue a traballar para afondar na prevención e extinción de incendios forestais.
Convenio da xestión da biomasa
De cara a apoiar a particulares e municipios nas súas obrigas, a titular de Medio Rural lembrou o novo convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinado a finais do pasado ano con Seaga, o cal conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que no anterior. A maiores animou aos concellos que aínda non se adheriron, a que se incorporen a este convenio, como así o solicitou xa o concello de Ponteareas. A través desta colaboración, resaltou que o Goberno galego brinda apoio a localidades e propietarios para realizar estas tarefas e cumprir así as súas obrigas por lei.