A Xunta activa un novo convenio con Farmamundi para paliar a situación de emerxencia das persoas refuxiadas en Uganda
O Goberno galego achega 8.000 euros a diversas actuacións de mellora da saúde e da protección no asentamento de Kiryandongo e nos centros de recepción de Adjumani
Durante catro meses dispensaranse tratamentos médicos ou atención psicolóxica a unha poboación de 2.000 persoas, beneficiando especialmente mulleres e menores
A intervención enmárcase nos convenios anuais de resposta ante emerxencias asinados con Farmamundi, aos que se destinaron preto de 1,2M€ desde o ano 2009
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2026
A Xunta vén de activar un novo convenio coa organización non gobernamental Farmamundi para a posta en marcha de intervencións de emerxencia en Uganda. En virtude deste acordo, o goberno galego aporta unha achega de 8.000 euros para mellorar as condicións das persoas refuxiadas no asentamento de Kiryandongo e no centro de recepción de Adjumani. A duración da campaña será de catro meses.
As accións que se levarán a cabo teñen como finalidade fortalecer a protección e mellorar o acceso á sanidade dun colectivo formado por máis de 2.000 persoas refuxiadas, facendo especial énfase na atención da saúde sexual e reprodutiva e tendo como maiores beneficiados aos colectivos de mulleres e menores de idade.
En concreto, dispensaranse tratamentos médicos en unidades de saúde fortalecidas coa distribución de medicamentos esenciais e subministracións básicas a 870 persoas, das que 670 son mulleres e menores. Tamén se facilitará atención psicolóxica a 40 persoas refuxiadas, 20 delas mulleres vítimas da violencia de xénero, e entregaránselles kits de hixiene e redes de mosquiteiras a outras 75 mulleres. Así mesmo, realizaranse campañas de sensibilización para previr a violencia contra a muller.
Para desenvolver esta intervención, Farmamundi e o seu socio local Emesco Development Foundation traballarán en rede con outras organizacións comunitarias de base, organizacións internacionais e autoridades locais identificadas en terreo e que actúan directamente na área como a ACNUR, a OPM ou a ONG Medical Teams International.
Crise humanitaria pola guerra de Sudán
Uganda é nestes momentos o terceiro país do mundo en volume de acollidas, con preto de dous millóns de persoas refuxiadas e solicitantes de asilo, por causa da guerra civil que se vive dende 2023 no país veciño de Sudán. Esta situación, que provocou a fuxida de preto de 12 millóns de sudaneses dende o inicio do conflito, derivou nunha crise humanitaria crónica e multidimensional. Hai que ter en conta, ademais, que os conflitos armados e os consecuentes desprazamentos forzados da poboación inciden nun incremento significativo da violencia sexual e da violencia de xénero, polo que cómpre realizar campañas de sensibilización para previr estes tipos de violencia e paliar ao mesmo tempo a estigmatización das vítimas.
Os dous lugares nos que se centrará a intervención de Farmanundi son o campamento de refuxiados de Kiryandongo, a 400 metros da capital ugandesa, Kampala, e nos centros de recepción de Adjumani, na fronteira norte.
Atención ás poboacións máis vulnerables
Desde o ano 2009 ata a actualidade, a Xunta asinou con Farmamundi convenios anuais de resposta ante emerxencias por preto de dous millóns de euros, incluíndo a contía do convenio no que se enmarcan as accións que se impulsan agora en Uganda.
O obxectivo desta colaboración constante entre a Xunta e Farmamundi é realizar as actuacións que ambas as partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).