A Xunta regula a participación dos propietarios do solo no desenvolvemento do Proxecto de Interese Autonómico de San Mauro, en Pontevedra
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se regula dita participación
Os propietarios de parcelas que cumpran os requisitos poderán participar no proceso de urbanización do ámbito, tanto de forma individual como agrupados
Os participantes aportarán as súas parcelas, satisfarán as cotas de urbanización e recibirán parcelas urbanizadas, nas que poderán construír vivendas libres ou vender o solo a terceiros
Asinaranse convenios de participación entre o IGVS e os interesados en participar, nos que se establecerán as obrigas e dereitos dos participantes
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2026
A Xunta regula a participación dos propietarios do solo no desenvolvemento do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de San Mauro, en Pontevedra. O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se regula dita participación.
A Xunta promove este PIA para a planificación e proxección de actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas protexidas en Pontevedra (Sector B-5 Sector leste-estrada de San Mauro).
É intención da Administración autonómica posibilitar a participación dos propietarios do solo no desenvolvemento do ámbito, tal e como foi indicado nas diferentes xuntanzas mantidas neste últimos meses con representantes dos propietarios.
No desenvolvemento da urbanización poderán participar as persoas propietarias de parcelas no ámbito do PIA, sempre que fosen adquiridas antes do 20 de agosto de 2025, data na que se publicou no DOG a delimitación do ámbito.
Ademais as parcelas deberán ter a superficie mínima establecida que permita a adxudicación dunha parcela urbanizada. Co fin de acadar esa superficie mínima permitirase a agrupación de varias parcelas, inda que pertenzan a diferentes propietarios.
No caso de que a proposta de participación sexa realizada por varias persoas, deberán comprometerse a constituír unha sociedade civil ou mercantil, una cooperativa ou unha unión temporal de empresas (UTE) antes da sinatura do convenio de participación. O obxecto da sociedade debe ter como obxecto a participación no desenvolvemento do PIA.
Finalmente, para poder participar no desenvolvemento da urbanización as parcelas deberán estar libres de cargas, gravames ou dereitos económicos que poidan supor un obstáculo para o desenvolvemento do PIA e non terán ningunha construción que reúna as condicións para ser considerada vivenda.
As persoas que participen no proceso recibirán parcelas urbanizadas destinadas á construción de vivenda libre.
Obrigas dos participantes
A participación no desenvolvemento do solo obriga aos interesados a sufragar as cargas de ordenación e urbanización do solo, nos termos que se establecerán no convenio de participación que asinarán co Instituto Galego da Vivenda e Solo e que deberán asinar no prazo de dous meses dende a notificación do IGVS na que se comunica a aceptación da participación no proceso.
As persoas ou entidades participantes poderán vender as parcelas de resultado que lles sexan entregadas, quedando os novos propietarios subrogados nas obrigas establecidas no convenio asinado entre os propietarios orixinais do solo e o IGVS.
Convenio de participación
A participación no desenvolvemento do solo será regulada por convenios de participación que asinarán o IGVS e os propietarios das parcelas e no que se establecerán os dereitos e deberes dos participantes.
Previamente, os interesados deberán presentar ante o IGVS a súa proposta de participación entre o 1 de setembro e o 30 de novembro de 2026, ambos incluídos, cos datos das persoas propietarias, a relación das parcelas que achegan ao proceso e a da parcela ou parcelas urbanizadas ás que optan. Ademais deberán constituír unha fianza provisional de 1,5 euros por cada metro cadrado de superficie das parcelas que achegue. Esta garantía será devolta despois da sinatura do convenio de participación.
O IGVS resolverá a aceptación das propostas de participación que cumpran as condicións establecidas nesta resolución e rexeitará aquelas que as incumpran.