A Xunta sinala o equipo do CiMUS como exemplo do talento da I+G+i tras acadar un fito investigador sobre o cancro

Román Rodríguez felicita ao equipo Mobile Genomes polo seu descubrimento dun mecanismo do ADN que pode alterar reorganizacións nas células tumorais

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP destaca o labor do Goberno galego para atraer, reter e captar talento

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación dos resultados da investigación do grupo Mobile Genomes do CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre o funcionamento de células tumorais, coincidindo coa publicación do estudo na prestixiosa revista Science, unha das dúas de maior impacto científico mundial e publicada pola Asociación Estadounidense para o Avance da Ciencia (AAAS).

Este estudo, liderado polo investigador Oportunius Jose Tubío, descubre un mecanismo ata o de agora descoñecido polo que certas pezas móbiles do ADN humano poden provocar grandes reorganizacións dos cromosomas en células tumorais. O descubrimento deste mecanismo mostra que os elementos móbiles son actores relevantes que poden xerar mutación e contribuír á orixe e a progresión do cancro, abrindo novas vías de investigación sobre futuros tratamentos.

Neste sentido, o titular de Ciencia do Goberno galego puxo en valor este estudo e a investigación que “hai detrás, un equipo de persoas que representan a Galicia Calidade e que forman parte a través do CiMUS da Rede CIGUS, conformada polos centros de investigación universitarios máis excelentes de Galicia”. Román Rodríguez, quen trasladou os parabéns ao grupo e a este centro da USC, salientou que este “fito é mostra do gran talento investigador que posúe a I+G+i, algo polo que apostamos desde a Xunta”.

Unha das prioridades do Executivo autonómico en materia de ciencia é a atracción, retención e captación de talento, como se indica no Plan galego de investigación e innovación 25-27. De feito, a Xunta conta con numerosas medidas que reforzan esta aposta polo talento, entre as que destacan o programa Oportunius, o apoio á Rede CIGUS ou o apoio da carreira investigadora desde as etapas iniciais ata o final.

Un centro da Rede CIGUS

Este centro forma parte da Rede CIGUS, que aglutina 10 entidades e 1.600 investigadores. A Xunta de Galicia leva apoiado ao CiMUS no desenvolvemento da súa actividade investigadora con máis de 15M€ para a adquisición de equipamento científico-tecnolóxico ou para o desenvolvemento da súa plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, entre outros.

Ademais, O CiMUS é o segundo centro galego que obtivo a prestixiosa distinción María de Maeztu, despois de que o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago o acadase en dúas ocasións, a última delas actualmente en vigor.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2026