Esta mañá o delegado territorial lembrou que está aberto o prazo de solicitudes destas axudas, na súa visita a varios establecementos adheridos a unha das asociacións beneficiadas no ano 2025, no Carballiño

A Xunta destinou preto de 230.000€ para fortalecer a capacidade dinamizadora de seis centros comerciais abertos da provincia de Ourense

Manuel Pardo explicou que esta agrupación de comerciantes percibiu 28.000 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ao abeiro das axudas para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, para reforzar a súa excelencia e a súa capacidade de dinamización da contorna na que se integra

O delegado territorial destacou que a nova convocatoria, cun orzamento de 2,5 millóns de euros e aberta ata o 12 de marzo, vai dirixida as asociacións de comerciantes de carácter territorial e sen ánimo de lucro que, legalmente constituídas, desenvolvan proxectos de interese para revitalizar a actividade comercial nas súas localidades

O representante do Goberno galego enmarcou esta orde de axudas no compromiso da Xunta a prol da realización de actividades de dinamización comercial que teñan como obxectivo incentivar o consumo e atraer clientes, co fin de incrementar as vendas

Ourense, 27 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, visitou esta mañá varios establecementos adheridos á Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto, unha das seis agrupacións de comerciantes sen ánimo de lucro ourensás beneficiarias na pasada edición das axudas  para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, na que a Xunta destinou un importe total de preto de 230.000 euros na provincia. No caso concreto desta entidade, percibiu 28.000 euros para reforzar a súa excelencia e a súa capacidade de dinamización da contorna na que se integra. A ela súmanse as axudas concedidas aos centros comerciais abertos de Verín (preto de 56.000 euros), Ourense (máis de 43.700 euros),O  Barco (44.000 euros), Celanova (28.000 euros) e Ribadavia (28.000 euros).

Durante a visita, o delegado territorial aproveitou para lembrarlles aos seus representantes que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten aberto o prazo dunha nova orde destas achegas cun orzamento de 2,5 millóns de euros ata o próximo 12 de marzo, co obxectivo de revitalizar o comercio local como elemento esencial para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades ourensás.

Manuel Pardo subliñou que esta convocatoria enmárcase no compromiso do Goberno autonómico a prol da realización de actividades de dinamización comercial que teñan como obxectivo incentivar o consumo e atraer clientes, co fin de incrementar as vendas. Deste xeito, afóndase na simplificación administrativa e introdúcense novos criterios de valoración enfocándose na formación dos comerciantes, na fidelización da clientela e na capacidade de atraer novos establecementos asociados. Tamén recalcou que como novidade deste ano subvencionaranse os servizos de ludoteca e espazos de lecer infantís.

O representante do Goberno galego destacou que a orde volve apostar polo réxime de concorrencia competitiva, buscando primar a calidade e a excelencia das propostas de dinamización. Nesta liña, sinalou que as asociacións mellor puntuadas poderán optar a axudas extraordinarias de ata 20.000 euros para a realización de actividades complementarias, coordinadas con concellos e outras entidades locais. Así mesmo, intégrase o requisito de empregar a nova marca do Comercio Galego, contribuíndo á visibilidade e recoñecemento do sector.

Destinatarios e requisitos

O delegado territorial explicou que poderán concorrer a estas axudas as asociacións de comerciantes de carácter territorial e sen ánimo de lucro que, legalmente constituídas, desenvolvan proxectos de interese para revitalizar a actividade comercial nas súas localidades. Tanto no caso das sete grandes cidades como do resto dos concellos, estes centros deben contar cunha antigüidade mínima de tres anos, cunha xestión profesionalizada, delimitación territorial definida, diversidade de oferta comercial e, como mínimo, representar 50 negocios retallistas.

Como requisitos para poder optar ás achegas, as agrupacións deberán presentar a planificación e desenvolvemento dun mínimo de seis campañas que inclúan a participación directa dos comercios asociados e dos consumidores, así como a programación de accións formativas. Ademais poderán propoñer outras actuacións complementarias orientadas á fidelización e á mellora dos servizos para a clientela.

O importe das axudas

Manuel Pardo concretou que os investimentos máximos subvencionables modúlanse en tres tramos, en función do número de comercios asociados: 65.000 euros no caso de que teñan 100 ou máis, 55.000 euros para os que teñan entre 70 e 99 e 40.000 euros para aqueles que se sitúen entre os 50 e os 69 negocios adheridos.

Por outra banda, puntualizou que a intensidade das axudas poderá oscilar entre o 70 e o 90 %, segundo a puntuación acadada polas propostas presentadas, en cuxa valoración se terán en conta criterios como a disposición dun plan de comunicación, a capacidade da campaña para motivar a persoa consumidora ou captar clientela nova ou o seu carácter novidoso. Co obxectivo de primar a excelencia, do total do orzamento da convocatoria, resérvanse 100.000 euros para favorecer que as cinco mellores propostas accedan a un apoio adicional para a realización de actividades de dinamización extraordinarias que deben ser levadas a cabo en coordinación cos concellos e outras asociacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2026