Belén do Campo destaca o éxito da orde de axudas para actuacións que permitan previr os risco do cambio climático que contan cun investimento de 2 M€

A delegada da Xunta visitou en Abegondo a actuación de redución da impermeabilidade do solo e da creación de muros vexetais no camiño de acceso á finca municipal de Os Loureiros

Abegondo (A Coruña), 28 de febreiro de 2026

A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, visitou a actuación executada na finca municipal Os Loureiros, no acceso ao Pazo da Cultura do municipio, unha intervención orientada á prevención de riscos asociados ao cambio climático.

O proxecto, centrouse na redución da impermeabilidade do solo e na creación de muros vexetais no camiño de acceso á finca municipal e contou cun investimento de máis de 55.000 euros, dos que a Xunta achegou máis de 44.000 euros a través da correspondente liña de axudas.

Con esta intervención redúcese o efecto illa de calor, diminúe a temperatura superficial do pavimento, mellórase a absorción da auga de escorrentía e evítase a formación de charcos, ao tempo que se favorece a biodiversidade e a creación de espazos máis saudables e confortables para a veciñanza.

Durante a visita, Belén do Campo subliñou que “actuar a nivel local con infraestruturas verdes é fundamental para mitigar os impactos do cambio climático e avanzar cara a concellos máis resilientes e preparados para o futuro”. Ademais, puxo en valor o compromiso de Abegondo coa acción climática, lembrando que lidera a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e está adherido ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía.

A delegada tamén destacou que no 2025, o primeiro ano que se convocou esta orde, foron beneficiados en Galicia 35 concellos esgotando os 2 millóns de euros de orzamento disponible, na provincia da Coruña 11 concellos por un importe de case 630.000 euros e na comarca de Betanzos os municipios de Abegondo, Bergondo e Miño por un importe de 164.000 euros,

Orde 2026

No marco desta visita, a delegada informou tamén de que a Xunta destina no 2026 outros 2 millóns de euros á nova convocatoria de axudas, en concorrencia non competitiva, para que os concellos impulsen proxectos que empreguen solucións naturais para facer fronte ao quecemento global e crear refuxios climáticos en espazos urbanos e periurbanos.

Belen do Campo explicou que esta axuda cubrirá o 80% dos custos dos proxectos presentados de forma individual por calquera concello, cun límite de 60.000 euros por proxecto e un máximo de tres solicitudes por cada entidade local. Por tanto, segundo destacou a delegada, un concello podería obter ata 180.000 euros de financiamento en caso de presentar tres proxectos e obter a máxima contía subvencionable. Despois de indicar que as actuacións subvencionadas poderán executarse ata o 30 de novembro deste ano e xustificarse ata o 9 de decembro de 2026.

Entre as actuacións subvencionables inclúense intervencións para aumentar as zonas verdes, reducir a impermeabilidade do solo, implantar xardíns verticais ou cubertas verdes, restaurar zonas húmidas, crear láminas de auga ou identificar e acondicionar refuxios climáticos e corredores ecolóxicos.

Belén do Campo destacou que esta é a segunda convocatoria deste programa e que este ano se simplificaron os trámites, ampliáronse os prazos de execución e xustificación e introdúcense melloras como a posibilidade de solicitar anticipos, co obxectivo de facilitar a participación dos concellos.

Para rematar, lembrou que “como administración máis próxima á cidadanía, os concellos teñen un papel clave na acción climática, xa que as actuacións que se desenvolven a nivel local teñen un impacto moi positivo tamén a escala global”.

Con esta liña de axudas, o Goberno galego consolida a súa aposta por converter os concellos en lugares máis verdes, adaptados ao cambio climático e cunha mellor calidade de vida, consolidando a Comunidade como refuxio climático.

Data de actualización: 28/02/2026