O presidente da Xunta visitou hoxe a cooperativa agroalimentaria Aira
Rueda reafirma o apoio da Xunta ao sector primario nun momento clave e aposta por impulsar medidas para seguir fortalecéndoo
Lembra que o Goberno galego asinou un documento de consenso coas organizacións profesionais agrarias Asaga e Unións Agrarias para pedir garantías reforzadas ante a entrada en vigor do tratado de Mercosur
Demanda de novo unha nova PAC máis forte, con fondos diferenciados e cun enfoque rexional
Pon en valor que Galicia é líder no sector leiteiro, producindo o 42% de leite de España
Eloxia o labor das cooperativas para dinamizar o sector e o rural e para contribuír a fixar poboación e crear emprego
Taboada (Lugo), 27 de febreiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o apoio do Goberno galego ao sector primario nun momento clave, coa entrada en vigor do tratado da Unión Europea con Mercosur e co debate da futura Política Agraria Común (PAC): “Seremos especialmente esixentes e firmes para que se cumpran as salvaguardas, e que así non haxa perxudicados”, resaltou. Ademais, puxo en valor o esforzo da administración autonómica por poñer en marcha medidas que sigan fortalecendo o rural.
Así o apuntou hoxe tras visitar a cooperativa agroalimentaria Aira, un acto no que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Rueda destacou a importancia de iniciativas coma esta: baseadas no cooperativismo e que contribúen a modernizar e diversificar o sector gandeiro: “Esta é unha cooperativa que é un reflexo de como foi evolucionando o noso medio rural, onde se fan produtos case a medida de cada granxa, con moita tecnoloxía e avances. Así foi transformándose o noso medio rural nos últimos anos: buscando unha maior rentabilidade e unha maior calidade de vida”, apuntou. De feito, esta planta está considerada como a maior fábrica de penso para vacún leiteiro de España.
Na súa intervención, fixo referencia aos retos que afronta actualmente o sector, nomeadamente ante o tratado UE-Mercosur e a negociación da futura PAC. En canto ao primeiro, lembrou que o Goberno galego asinou un documento de consenso con Unións Agrarias e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) para garantir que na aplicación práctica do tratado -de entrar en vigor- se protexa o sector con medidas áxiles e eficaces, asegurando “que todo o que entre aquí teña o mesmo tratamento que se esixe ao que se produce aquí, cos mesmos estándares de calidade” e remarcou que “seremos especialmente esixentes”. No acordo recóllense demandas para o Goberno central e a Unión Europea, así como compromisos da administración autonómica, que xa están en desenvolvemento.
En canto á futura PAC, Rueda puxo en valor tamén o consenso acadado co sector agrario para demandar unha nova política máis forte, con fondos diferenciados e con enfoque rexional, dado que a Xunta de Galicia sempre defendeu o seu rexeitamento ante a proposta da UE: “Necesitamos que Europa siga apostando polo medio rural. Que os fondos para o sector primario se manteñan. Vertebrar o rural pasa por que se siga apostando por una política agraria firme e con menos burocracia”, salientou.
Apoio da Xunta
O presidente reivindicou a importancia dun sector moi importante para Galicia, a nivel económico, social e cultural. Neste sentido, reafirmou o apoio da Xunta para poñer en marcha medidas que garantan o seu futuro como as axudas para a remuda xeracional, os apoios para a transformación e comercialización de produtos, a creación do banco de explotacións ou impulso ao banco de terras. Ao mesmo tempo que se busca “facer o traballo nas granxas cada vez máis atractivo, garantindo prezos, incorporando tecnoloxía e favorecendo a compatibilidade do traballo co tempo libre”.
Fixo especial fincapé en que Galicia é hoxe líder no sector leiteiro: produce o 42% do leite de España e, ademais, actualmente se transforma na nosa comunidade o 75% do que se produce aquí. Neste sentido, Rueda remarcou que ”as cooperativas en Galicia son fundamentais. E no agro, no medio rural, especialmente. Todo o que se fai aquí ten que ter o noso apoio e empuxe”.
Xa para rematar, eloxiou o papel de cooperativas como Aira, en tanto contribúen a dinamizar o rural e axudan a fixar poboación a través da creación de emprego e de oportunidades: “Este é un traballo inacabado, hai que seguir traballando. Pero creo que con exemplos como este, faise todo moitísimo máis fácil”, rematou o presidente.