Román Rodríguez destaca que a Xunta está a investir máis de 12 M€ na renovación e modernización dos centros de Santiago

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades comproba o resultado do cambio de cuberta do Instituto A Pontepedriña, cun orzamento de máis de 306.000 €

Asiste tamén a unha xornada de formación do profesorado sobre internacionalización do ensino

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe que a Xunta está a facer un investimento de máis de 12 M€ na renovación e modernización dos edificios educativos de Santiago de Compostela ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Fíxoo na súa visita ao Instituto A Pontepedriña, onde comprobou o resultado do cambio de cuberta, que contou cun orzamento de máis de 306.000 €.

O titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que neste momento están en licitación as obras de ampliación do Instituto Lamas de Abade e de cambio de cuberta do IES Plurilingüe Rosalía de Castro”, cun orzamento total de 2,1 M€. “Ademais, están en execución catro actuacións por 5,3 M€, en concreto, a ampliación do IES Eduardo Pondal (3 M€), a rehabilitación integral do IES Arcebispo Xelmírez II (1,8 M€) e a reforma do Museo Pedagóxico de Galicia (500.000 €)”. A maiores, están comprometidas a ampliación do Colexio Cardeal Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios (800.000 €), así como as melloras no Centro de Educación Especial A Barcia.

A obra no IES A Pontepedriña supuxo o cambio de 2.756m² de cuberta. A nova é de panel sandwich de 30 mm de espesor con recheo intermedio de escuma de poliuretano e illamento térmico sobre o forxado baixo cuberta. A maiores, substituíronse os canlóns e as baixantes e impermeabilizáronse as cubertas planas, petos perimetrais e canlóns ocultos.

Xornada de formación

Previamente, Román Rodríguez abriu as xornadas formativas Internacionaliza a túa escola, onde docentes de Primaria e Secundaria debaten sobre os programas Erasmus+ e eTwinning  a través de charlas e intercambio de boas prácticas educativas para o enriquecemento mutuo. Neste senso, Román Rodríguez destacou a Galicia como un exemplo da introdución da innovación educativa nas aulas enfocada a enriquecer o modelo galego como un referente de inclusión e equidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2026