O presidente da Xunta visitou a zona do búnker do Centro de Protonterapia de Galicia
Rueda subliña que o acelerador de protóns é xa unha realidade que marcará un antes e un despois no tratamento do cancro en Galicia
O Centro de Protonterapia de Galicia será o primeiro centro público de España e conta xa co acelerador plenamente instalado
Prevese que poida tratar os primeiros pacientes, tanto galegos, como de Castela e León, Asturias e o norte de Portugal, a finais deste ano ou principios de 2027
O xefe do Executivo galego destaca os avances desenvolvidos na comunidade para tratar a pacientes oncolóxicos: “É unha infraestrutura punteira e innovadora. E non estamos en Houston, estamos en Galicia”
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliña que o acelerador de protóns Proteus One do Centro de Protonterapia de Galicia “é xa unha realidade que marcará un antes e un despois no tratamento do cancro en Galicia”.
Alfonso Rueda, xunto co conselleiro de Sanidade, os radiofísicos responsables da posta en marcha do proxecto e técnicos da empresa IBA, visitou a zona do búnker do Centro de Protonterapia de Galicia na que se sitúa o acelerador de protóns. Este equipamento, xa instalado e financiado pola Fundación Amancio Ortega cun investimento de 28 millóns de euros, é actualmente o primeiro de toda España. A visita permitiu ver o acelerador antes de que sexa cuberto e comecen as probas co feixe de protóns, unha oportunidade única que o presidente amosou tamén nun vídeo difundido hoxe nas súas redes sociais.
Rueda remarcou que o proxecto do Goberno galego é un dos maiores fitos en medicina oncolóxica de precisión, unha mostra máis da marca Galicia Calidade. “É unha infraestrutura punteira e innovadora. E non estamos en Houston, estamos en Galicia”, afirmou.
Tratamentos con precisión e impacto
A Xunta prevé comezar a tratar os primeiros pacientes a finais de 2026 ou principios de 2027, tanto galegos como procedentes de Castela e León, Asturias e o norte de Portugal, cunha capacidade estimada de 250 persoas ao ano. O centro estará especialmente enfocado en pacientes oncolóxicos con alta expectativa de supervivencia, prestando atención destacada á poboación infantil.
O tratamento utiliza un feixe de protóns que permite administrar a radiación de forma moi localizada, adaptándose á zona afectada e reducindo os efectos secundarios.
O proxecto, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa FEDER Galicia 2021-2027, suporá un investimento total superior aos 60 millóns de euros entre edificación e equipamento.