Principia a segunda fase da campaña de doazón de sangue nas universidades galegas
As persoas que doen ata o 31 de maio e compartan a súa experiencia en redes sociais entrarán no sorteo de 14 abonos para asistir ao Son do Camiño
Durante a primeira fase desta iniciativa, rexistráronse 2.402 doazóns de sangue, sendo de 4.500 doazóns o obxectivo para o curso académico 2025-2026
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026
As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) comezarán hoxe os desprazamentos correspondentes á segunda fase da campaña de doazón de sangue nas universidades galegas, que se desenvolverá ata finais do mes de abril.
Ao longo desta segunda fase da campaña, que ten como obxectivo para o presente curso académico achegarse ata as 4.500 doazóns obtidas en centros educativos universitarios de Galicia, ADOS tentarán promover a participación do colectivo estudantil e favorecer unha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue.
Baixo o lema Non perdas este bus. Lévate ao Son do Camiño, ADOS achegará a doazón de sangue aos sete campus galegos dun xeito lúdico pero incidindo na importancia fundamental que ten a doazón no sostemento da actividade asistencial dos centros hospitalarios galegos.
Ao longo das vindeiras xornadas, instalarase unha escenografía consistente nunha carpa de DJ que estará disposta ao carón das unidades móbiles para dar a coñecer esta campaña especial. A primeira localización será mañá, mércores 4 de marzo, no campus de Ourense. Unha unidade móbil estará estacionada diante do Edificio Xurídico-Empresarial das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21.00 horas. Ademais, a montaxe da carpa musical ata a que poderán achegarse todos os universitarios e universitarias, disporase nesta localización e os asistentes poderán coñecer os pormenores da iniciativa en colaboración co Son do Camiño.
Embaixadores da doazón
Todas as persoas que doen sangue entre o 1 de xaneiro e o 31 de maio do presente ano, e que remitan por mensaxe privada ao Instagram da ADOS unha foto doando sangue ou un vídeo convidando a participar nas campañas de doazón e que sigan a ADOS en Instagram, entrarán no sorteo de 14 abonos para asistir ao Son do Camiño, que terá lugar en Santiago de Compostela os vindeiros 18, 19 e 20 de xuño. Outro requisito necesario para entrar neste sorteo é comentar a publicación desta iniciativa mencionando a dúas persoas.
Con esta campaña, a Axencia quere convidar aos máis novos e novas a converterse en embaixadores do solidario xesto da doazón e que animen ao seu entorno familiar e de amizades a participar e doar sangue.
Datos de participación
A primeira fase da campaña, que se levou a cabo entre os meses de setembro a novembro do presente curso, concluíu con 2.402 doazóns de sangue, das cales 871 correspondíanse con persoas que doaban sangue por vez primeira. Polo que atangue á participación das distintas universidades, salientar que a de Santiago de Compostela acadou 897 doazóns, 840 a da Coruña e 665 a de Vigo.
Por campus, salientar que o de maior participación foi o de Ferrol cun índice de 77 doazóns por cada 1.000 habitantes, seguido do campus de Lugo (71/1.000) e o da Coruña (59/1.000).
Desprazamentos semanais
No transcurso desta semana, as unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estarán nas seguintes localizacións:
Martes 3 de marzo: Escola de Fisioterapia (A Coruña), Escola Politécnica (Lugo), Facultade de Enfermaría (Santiago) e Escola de Telecomunicacións (Vigo)
Mércores 4 de marzo: Escola de Náutica (A Coruña), Edificio Xurídico-Empresarial (Ourense), Facultade de Enfermaría (Santiago) e Escola de Telecomunicacións (Vigo)
Xoves 5 de marzo: Centro Superior de Hostalaría de Galicia (Santiago)
ADOS quere agradecer aos reitorados das tres Universidades galegas o seu decidido compromiso para impulsar a doazón de sangue, así como doutros xeitos de doazón (medula ósea) entre a comunidade universitaria, ao tempo que fai extensivo este recoñecementos a todos os estudantes galegos que doan sangue.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.