A Xunta destina preto de 2 M€ en axudas á mellora e conservación dos espazos naturais protexidos galegos
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta desta nova convocatoria durante a visita a un dos beneficiarios da pasada edición
Estas achegas están dirixidas tanto a entidades locais como a asociacións, particulares e empresas e pódense solicitar ata o 11 de marzo
Monfero (A Coruña), 3 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia destina preto de 2 millóns de euros á nova convocatoria de axudas para actuacións de mellora, conservación e protección de espazos pertencentes á Rede Natura 2000, reservas de biosfera ou a algún dos seis parques naturais galegos. O prazo para solicitalas permanece aberto ata o 11 de marzo.
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta destas achegas durante unha visita a un dos beneficiarios da pasada convocatoria na que estivo acompañada da directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias. A subvención permitiulle a este veciño de Monfero recibir 12.000 € para a rehabilitación dunha caseta situada no ámbito do Parque Natural Fragas do Eume. Esta actuación consistiu na substitución do tellado por un novo de lousa sobre cuberta de madeira de castiñeiro.
Aneiros explicou que, a través desta orde dirixida tamén a concellos, asociacións e empresas, o Goberno galego apoia iniciativas destinadas á conservación e restauración da biodiversidade, especialmente as orientadas a mitigar os efectos do cambio climático; á mellora da conectividade ecolóxica da fauna e a flora; á restauración de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos e necesarios para o mantemento da súa paisaxe e á creación ou mellora de infraestruturas para a xestión de usos recreativos. A maiores, tamén son subvencionables as campañas de concienciación medioambiental e distintas actividades informativas e de sensibilización.
A representante do Executivo galego lembrou ademais que na pasada convocatoria se concederon 167.000 € de achegas nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal e que no caso do Parque Natural Fragas do Eume se concederon 20 axudas, 15 delas no concello de Monfero.