A Xunta amósalles aos escolares de Ortigueira e Fene os oficios tradicionais da elaboración de zocos e da construción de pandeiretas

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, acompañou os artesáns Xosé Manuel Sanín e Elena Ferro durante as demostracións que realizaron esta mañá no marco do proxecto autonómico ‘Artesanía na escola’

Primeiro estiveron no CEIP José María Lage de Ortigueira e despois no CEIP Plurilingüe Os Casais, en Maniños (Fene)

Impulsada en 2023, a iniciativa ‘Artesanía na escola’ busca presentarlles aos máis pequenos os oficios artesanais como unha profesión de futuro e concienciar sobre o valor do produto artesanal e da marca Artesanía de Galicia

Ortigueira (A Coruña), 3 de marzo de 2026

 A Xunta continúa coas demostracións de oficios artesanais aos escolares de diferentes centros de Galicia a través do seu proxecto Artesanía na escola. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata o CEIP José María Lage de Ortigueira, onde os artesáns Elena Ferro e Xosé Manuel Sanín —protagonistas das dúas primeiras unidades didácticas deste proxecto de divulgación— realizaron demostracións sobre a elaboración de zocos e sobre a construción de pandeiretas respectivamente. Posteriormente, Elena Fabeiro achegouse con Xosé Manuel Sanín ata o CEIP Plurilingüe Os Casais, en Maniños (Fene).

Artesanía na escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta desde o ano 2023 dirixido a achegarlles os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e o profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e, por último, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.

Cómpre sinalar que Artesanía na escola comezou cunha unidade didáctica dedicada ao oficio dos zoqueiros, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que viu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019. Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural como os zocos de madeira. Esta artesá conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outorgándolle un novo significado sen quitarlle a súa esencia e reinventándoo como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.

Pola súa banda, Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela), é o protagonista da segunda das unidades didácticas de Artesanía na Escola. Eu son artesán de percusión tradicional está centrada na historia e elaboración das pandeiretas, un dos instrumentos máis tradicionais de Galicia.

A Fundación Artesanía de Galicia está a traballar xa coa terceira das unidades didácticas, Eu son artesán de figuras de pan, centrada na elaboración dos tradicionais amuletos de miga de pan típicas de Santo André de Teixido (Cedeira), os sanandresiños, moldeados con fariña e pintados á man a través do artesán Jorge Bellón (Cedeira) e en breve comezarase coas primeiras demostracións en centros de ensino.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2026