A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou nun almorzo de traballo con representantes do sector da construción

A Xunta aposta por combinar a redución das cargas burocráticas coas máximas garantías de protección ambiental para impulsar o desenvolvemento económico

Ángeles Vázquez salienta que ese é o obxectivo da Lei de administración ambiental simplificada de Galicia, que aprobará o Consello da Xunta neste semestre e unificará a normativa vixente axilizando os trámites de competencia autonómica e local

A conselleira subliña que a nova norma evitará solapamentos e duplicidades mantendo plenas garantías medioambientais e reducirá a menos da metade os prazos de tramitación dalgúns procedementos ao habilitar unha xanela única

O Executivo galego pon en valor o compromiso coa economía circular do sector da construción, que xa valoriza máis do 95% dos residuos que xera, superando amplamente o obxectivo europeo do 70%

O Goberno autonómico lembra que as empresas do sector contan con importantes oportunidades nas licitacións de obras de Augas de Galicia ou na previsible recuperación e rehabilitación de inmobles no litoral para darlles unha segunda vida

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe nun almorzo de traballo organizado pola Federación Galega da Construción no que salientou que a Xunta aposta por combinar a redución das cargas burocráticas ás empresas coas máximas garantías de protección ambiental para impulsar o desenvolvemento económico da comunidade.

A responsable autonómica explicou que ese é o obxectivo da Lei de administración ambiental simplificada de Galicia -que se agarda que sexa aprobada polo Consello da Xunta no primeiro semestre deste ano- pois unificará o marco normativo vixente e avanzará na simplificación dos distintos trámites administrativos de competencia autonómica e local que deben realizarse para o desenvolvemento dun proxecto.

Nese sentido, incidiu en que a nova norma vai reforzar a seguridade xurídica -algo que piden tanto os promotores de iniciativas económicas suxeitas a avaliación ambiental como as administracións encargadas de aplicala- ao tempo que axiliza os procedementos ao evitar solapamentos e duplicidades, pero mantendo plenas garantías.

Ángeles Vázquez subliñou que eses cambios van mellorar a relación da Administración cos administrados ao incorporar novidades como a existencia dunha xanela única para a tramitación das autorizacións ou a redución dos prazos de tramitación a menos da metade nalgúns dos procedementos. En resumo, asegurou, menos burocracia e menos incerteza para todos, pero mantendo as máximas garantías de protección ambiental.

En canto ao papel do sector da construción na economía, a conselleira salientou a aposta das empresas galegas pola sostibilidade, buscando en todo momento o uso de materiais de baixo impacto ambiental así como o equilibrio entre o rendemento económico, a responsabilidade ambiental e o benestar humano.

De feito, engadiu, unha mostra dese labor a prol de prácticas sostibles queda patente cos avances rexistrados en materia de economía circular, o que permite abrir novos mercados e leva aparelladas vantaxes económicas -pola creación de oportunidades de negocio na reciclaxe e xestión de residuos- e ambientais, polo menor consumo de materias primas, a redución dos refugallos da construción e demolición (RCD) e a baixada das emisión de dióxido de carbono.

Neste sentido, a responsable autonómica subliñou que os RCD son un dos principais fluxos de residuos industriais de Galicia e un vector estratéxico para a economía circular polo seu volume, polo alto potencial de valorización material e polo impacto directo sobre o sector da construción e a competitividade industrial. Un eido, salientou, no que a comunidade conta cunha gran capacidade de xestión e sitúanse en niveis superiores ao 95% na preparación para a reutilización, reciclaxe e valorización material dos residuos da construción e demolición, superando amplamente o obxectivo europeo do 70%.

Oportunidades

En canto ás oportunidades do sector da construción relacionadas coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez lembrou tanto as obras que licita Augas de Galicia como as opcións que se abren na recuperación e rehabilitación de inmobles no litoral co fin de poñelos en valor e darlle unha segunda vida.

Nesta liña, destacou que o organismo autonómico de xestión da auga conta este ano con 89 millóns de orzamento -case o 60% do total- para obra pública co fin de seguir mellorando os servizos á cidadanía, contribuíndo ao desenvolvemento económico e a crear unha Galicia máis verde e sostible. Ese investimento é para distintas actuacións de mellora das redes de abastecemento, saneamento e depuración, protección dos ecosistemas acuáticos e o incremento da resiliencia hídrica fronte ao cambio climático co impulso de infraestruturas verdes.

De feito, só neste semestre Augas de Galicia vai impulsar obras estratéxicas que suman máis de 76 millóns de euros para a mellora do abastecemento e o saneamento como poden ser as de mellora dos sistemas de tratamento de augas residuais de Vilagarcía de Arousa ou para a subministración de auga potable Ribadeo-Trabada.

En canto ás actuacións no litoral, Ángeles Vázquez lembrou que está en tramitación o catálogo de bens de valor cultural do litoral, con máis de 1.500 bens identificados, dos que arredor de 800 poderán ter outros usos a futuro. Neste sentido, incidiu en que esta ferramenta permitirá recuperar edificacións xa existentes de especial valor arquitectónico, cultural e histórico permitindo, por exemplo, que unha fábrica poida converterse nun museo ou un faro nun hotel ou restaurante.

A maiores, a Xunta tamén promove a construción de chiringuitos biosostibles ao longo do litoral co fin de avanzar cara a modelos máis respectuosos coa contorna, o que tamén é unha opción interesante para o sector da construción.

A conselleira agradeceu a invitación da Federación Galega da Construción a participar neste evento e salientou a súa contribución ao desenvolvemento de Galicia nos seus máis de 40 anos de traxectoria. Nesta liña, puxo en valor a aportación do sector da construción ao produto interior bruto (PIB) galego, preto do 7%, ao contar con preto de 13.000 empresas e máis de 130.000 postos de traballo xerados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2026