O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron hoxe esta iniciativa
A Xunta colabora coa Federación Galega de Piragüismo para crear a primeira Rede Galega de Voluntariado Náutico
Esta axuda enmárcase na liña de subvencións con cargo ao 0,7% do IRPF para programas sociais dirixidos á mocidade e ao voluntariado na que o Goberno galego inviste 1,7M€
A constitución desta rede realizase a través do programa ‘Padexa con nós’ que conta con cursos de formación gratuítos en prevención de accidentes, primeiros auxilios e rescate en contornas náuticas deportivas
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia colabora coa Federación Galega de Piragüismo para crear a primeira Rede Galega de Voluntariado Náutico. Así o deron a coñecer hoxe o secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, que presentaron esta iniciativa pioneira en Europa e convidaron á mocidade “a unirse a este programa para mellorar a capacitación, coordinación e eficacia da seguridade dos eventos deportivos”.
Neste senso, tal e como explicaron os representantes do Goberno galego, esta colaboración enmárcase na liña de subvencións con cargo ao 0,7% do IRPF na que a Xunta inviste 1,7M€ para o impulso de 153 programas sociais dirixidos á mocidade e ao voluntariado. No caso concreto deste proxecto, está dirixido a todas aquelas persoas maiores de idade que queiran colaborar como voluntarias en tarefas de seguridade durante probas deportivas náuticas.
Así mesmo, acompañados polo presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, precisaron que a constitución desta rede galega estable de voluntariado realizarase a través do programa formativo gratuíto Padexa con nós. Mediante esta iniciativa os participantes no programa obterán coñecementos prácticos en prevención de riscos, primeiros auxilios, reanimación cardiopulmonar e uso do desfibrilador externo automático, así como o manexo de material de salvamento e en técnicas básicas de rescate en probas náuticas. Do mesmo xeito, crearase un grupo reducido de persoas con formación superior, capacitadas para coordinar equipos de voluntariado e intervir en situacións de maior complexidade.
A formación básica desenvolverase con catro cursos, un en cada provincia, de 15 horas. O primeiro curso de formación básica terá lugar o 21 e 22 de marzo na sede da Federación Galega de Piragüismo en Verducido (Pontevedra). A continuación, desenvolverase na provincia coruñesa, o 18 e 19 de abril na Aula Activa do Mar en Rianxo. En Ourense, será o 9 e 10 de maio no Salón de Plenos da Casa do Concello de Allariz e, finalmente, o 13 e 14 de xuño será nas instalacións deportivas do Club Piragüismo Cidade de Lugo. Os cursos estarán limitados a 25 persoas e os participantes escolleranse por orde de inscrición. A formación superior, para quen desexe complementar e ampliar os coñecementos adquiridos e asumir tarefas de maior complexidade nas probas náuticas, levarase a cabo cun único curso de 60 horas.
Para participar nos cursos, os interesados deberán enviar un correo ao enderezo electrónico voluntariado@fegapi.org e a Federación Galega de Piragüismo achegará un formulario de volta. Aquelas persoas que superen os cursos, pasarán a integrar a primeira Rede Galega de Voluntariado Náutico.