A directora xeral de Xuventude respondeu na Comisión 4ª do Parlamento unha pregunta sobre a segunda edición do programa destinado á mocidade

A Xunta recibe máis de 2.600 solicitudes para pedir o Bono Emancípate en dúas semanas

Lara Meneses apunta que a intención, co aumento da contía este ano ata os 3M€, “é chegar a unhas 400 persoas máis que no 2025, cando se acadaron 1.066 axudas”

Destaca “o grande interese da mocidade por esta iniciativa destinada a sufragar os primeiros gastos da posta en marcha dun fogar”

Optan a estas axudas os menores de 36 anos cunha fonte regular de ingresos e un contrato de alugueiro ou compravenda posterior ao 30 de abril de 2025

O prazo de envío de peticións, a través da sede electrónica da Administración autonómica, está aberto ata o 30 de abril

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia recibiu máis de 2.600 solicitudes para pedir o Bono Emancípate desde que abriu a convocatoria o pasado 13 de febreiro. Así o informou hoxe a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, nunha resposta a unha pregunta na Comisión 4ª do Parlamento.

Así, a representante do Goberno galego destacou que “seguimos afianzando o grande interese da mocidade por esta iniciativa destinada a sufragar os primeiros gastos que xorden á hora de independizarse”. Nesta liña, explicou que o programa, ao que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega nesta edición 3M€, un millón de euros máis que no 2025,  “tivo un grande éxito o ano pasado, con 3.718 solicitudes”, o que, puntualizou, “fixo que aumentaramos o crédito, chegando finalmente coas axudas a 1.066 persoas”. Neste senso, apuntou que “o noso obxectivo con este aumento é poder alcanzar cada vez a máis mozos e mozas, estimando que desta vez poderemos aumentar nunhas 400 as persoas que reciban este incentivo, dependendo das peticións de alugueiro ou en propiedade”.

Ademais, Lara Meneses lembrou que co Bono Emancípate preténdese que “os menores de 36 anos conten con ese incentivo económico para comezar a pór en marcha o seu fogar propio” apoiando a adquisición de mobiliario ou diversos artigos como os decorativos, obxectos do baño, enxoval de cociña, téxtil ou certos electrodomésticos esenciais.

Ademais, apuntou, “esta é unha maneira de dar resposta ás demandas da nosa mocidade ante as dificultades de acceso a unha vivenda, complementando as políticas que xa desenvolve o Goberno galego nesta materia a través doutras áreas”.

O procedemento

Ao Bono Emancípate poden acceder as persoas menores de 36 anos que cumpran os requisitos recollidos nas bases, como non ter recibido a axuda no 2025, ou outras cuestións como contar, polo menos, cunha fonte regular de ingresos ou que a suma dos ingresos anuais dunha unidade de convivencia sexa igual ou inferior a catro veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (igual ou inferior a tres veces no caso de persoas sen unidade de convivencia). Tamén deben posuír a nacionalidade española ou dalgún dos Estados da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, así como estar empadroadas na vivenda na que van permanecer.

Neste senso, requírese ser titular dun contrato de alugueiro de vivenda formalizado con posterioridade ao 30 de abril de 2025, cunha duración mínima dun ano, ou no seu caso ter subscrito como adquirente unha escritura pública de compravenda dunha vivenda tamén con posterioridade ao 30 de abril de 2025.

No caso de vivir como arrendatarias, as persoas incluídas na convocatoria recibirán 1.500€ para empregar na tipoloxía de gastos xa mencionados, mentres que as que soliciten a axuda tendo adquirida a súa propiedade a contía será de 3.000€.

As solicitudes poden presentaranse a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ata o 30 de abril de 2026, ás 20,00 horas, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible.

Unha vez finalizados os prazos e concedidas e comunicadas as axudas, as persoas beneficiarias poderán facer uso da contía recibida a través dunha tarxeta moedeiro virtual expedida ao seu nome e que deixará de ser válida desde o 31 de decembro de 2026. Con ela, poderán realizar as súas compras en comercios especializados ou grandes superficies que teñan establecemento aberto en Galicia, polo que non será aceptada para compras a distancia.

Máis de 1.000 persoas no 2025

Na primeira edición do Bono Emancípate, no 2025, presentáronse un total de 3.718 solicitudes, das cales un 60,91% corresponderon a persoas do rango de idade comprendido entre os 18 e os 30 anos, e un 36,79% a persoas de entre 31 e 35 anos (a porcentaxe restante corresponde a solicitudes de persoas que non cumprían o requisito de idade ou duplicadas).

Logo da tramitación das solicitudes, e de autorizarse unha ampliación de crédito por un importe de 250.000€, que se sumou aos 2 M€ iniciais, a axuda chegou a un total de 1.066 persoas, das cales 584 correspondéronse a mozos e mozas que se emanciparan nunha vivenda de alugueiro e 482 ás que o fixeron en réxime de propiedade.  

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2026