A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con empresarios deste municipio coruñés

A Xunta inicia os trámites para comezar coa construción da primeira fase do polígono de Coristanco

 A aprobación hai un par de semanas do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (Peose) deste parque permite agora comezar co procedemento para a expropiación dos terreos

A fase 1 abranguerá unha superficie de 60.983 m²

Precisa que a previsión coa que traballa a Xunta é coa de poder licitar as obras no ano 2027 para comezar de seguido coa súa execución, posto que xa se licitou, tamén, o contrato de redacción do proxecto de urbanización

“Estamos saldando unha débeda histórica con este municipio que levaba anos agardando poder dispoñer dun polígono industrial propio”, di

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2026

 A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta xa iniciou toda a tramitación necesaria para poder comezar canto antes coa construción da primeira fase do polígono de Coristanco (A Coruña), que abranguerá unha superficie de 60.983 m².

Acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e da directora xeral de Estratexia industrial e Solo empresarial, Margarita Ardao, Lorenzana mantivo hoxe un encontro con empresarios do municipio, unha vez que o Consello da Xunta do pasado 23 de febreiro aprobou o Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (Peose) do futuro polígono de Coristanco, que permite agora comezar co procedemento para a expropiación dos terreos.

“Estamos saldando unha débeda histórica con este municipio que levaba anos agardando poder dispoñer dun polígono industrial propio” dixo a conselleira, quen indicou que a previsión coa que traballa a Xunta é coa de poder licitar as obras no ano 2027 para comezar coa súa execución canto antes, posto que xa se licitou, tamén, o contrato de redacción do proxecto de urbanización.

Lorenzana resaltou que aproximadamente a metade de todo o solo industrial que o Goberno galego está tramitando neste momento na provincia da Coruña, que son case 2 millóns de metros cadrados, está na comarca de Bergantiños, “o cal dá unha boa mostra de onde se concentra a maior parte da demanda á que queremos dar resposta”, dixo.

En toda a comarca de Bergantiños están en tramitación máis de 1 millón de metros cadrados de superficie industrial. Ademais do futuro parque empresarial de Coristanco, os traballos céntranse na ampliación do parque empresarial de Bértoa, en Carballo, que sumará máis de 629.000 m² e se atopa a piques de comezar a fase de expropiación. E tamén no parque empresarial de Cabana de Bergantiños, en fase de tramitación ambiental e que vai ocupar unha superficie de 267.216 m².

No resto da provincia, a Xunta traballa na ampliación do parque empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela; na creación do parque empresarial de Santa Comba; e na Fase C do parque empresarial de Morás (Arteixo), que xa ten rematadas as obras e está pendente da súa recepción por parte do Concello.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2026