A Xunta apoia a presenza das dúas indicacións xeográficas protexidas de pan de Galicia nunha xornada sectorial en Cidade Real

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria asistiu a este foro, que reúne ás cinco IXP de pan españolas: as de Pan de Cea e Pan Galego na nosa comunidade e as de Pan de Cruz (Cidade Real), Pa de Pagès Catalá (Cataluña) e Pan de Alfacar (Granada)

Os representantes das indicacións galegas expuxeron as súas características diferenciais, métodos de elaboración, tradición e historia

As dúas IXP de pan de Galicia son, respectivamente, a máis antiga (Pan de Cea) e a máis nova (Pan Galego) e acadan, en conxunto, unhas 500 toneladas anuais de produto, cun valor estimado que supera os 1,5 millóns de euros

Cidade Real, 4 de marzo de 2026

As dúas indicacións xeográficas protexidas (IXP) de pan de Galicia, Pan Galego e Pan de Cea, están presentes hoxe e mañá nas II Xornadas de Panadería de Cidade Real, ás que asistiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, para apoiar ambos indicativos de calidade certificada da nosa comunidade. Alemparte estivo acompañado polo presidente da IXP Pan Galego, Marcial Grela; e por Sofía Godoy (da panificadora Aboamigalla), en representación da IXP Pan de Cea.

As xornadas, que se celebran baixo o lema A nobre mesa do pan, reúnen por primeira vez nesta cidade as cinco IXP do pan de España, entre elas as dúas galegas, que son, ademais, no ámbito nacional, a máis antiga -a do Pan de Cea- e a máis nova -a do Pan Galego-. As outras tres recoñecidas cun selo de calidade diferenciada son a de Pan de Cruz, cuxo ámbito xeográfico é a propia provincia de Cidade Real; a de Pa de Pagès Catalá (que abrangue toda a comunidade de Cataluña); e a de Pan de Alfacar (localizada na provincia de Granada).

O obxectivo deste foro, organizado pola Asociación Provincial de Panadería e Pastelaría de Cidade Real, é poñer en valor a diversidade e calidade do pan tradicional español e reforzar a conexión entre formación, investigación e sector profesional. Trátase, segundo os promotores da iniciativa, de reforzar a unión do sector e de defender o valor do pan tradicional como produto ligado ao territorio, fronte á estandarización industrial.

Así, cada IXP dispón dun espazo propio para expoñer as súas características diferenciais, métodos de elaboración, tradición e historia. Nesta liña, en canto á representación galega, dentro do programa de actos hoxe foi a quenda de Pan Galego e mañá mércores presentarase Pan de Cea.

As IXP de Galicia

As dúas indicacións xeográficas protexidas de pan de Galicia acadan, en conxunto, unhas 500 toneladas anuais de produto, cun valor estimado que supera os 1,5 millóns de euros. A IXP Pan de Cea é a máis antiga, xa que a súa creación remóntase ao ano 2004, cunha zona amparada que se limita ao concello ourensán de San Cristovo de Cea. Pola súa banda, a IXP Pan Galego creouse máis recentemente, no ano 2019, e o seu ámbito xeográfico abrangue todo o territorio da nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2026