A Xunta reivindica a fortaleza do portugués no ensino con máis 5.000 estudantes matriculados e un plantel de profesorado estabilizado e realista

O director xeral de Centros e Recursos Humanos explica que as prazas convocadas nas últimas oposicións “cobren practicamente o 100% da interinidade existente”

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia reivindica a fortaleza do idioma portugués no ensino galego con máis 5.000 estudantes matriculados que multiplican por seis os 800 que había hai máis dunha década e cun plantel de profesorado “equilibrado, realista e sen apenas interinidade”. Así o explicou esta mañá o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, ante a Comisión 4ª do Parlamento, onde destacou o compromiso do Goberno galego co cumprimento da Lei Valentín Paz Andrade de fomentar os vínculos coa lusofonía.

Non obstante, a evolución das matrículas neste idioma no ensino presenta unha tendencia á estabilización. Malia esta dinámica, desde hai anos a Xunta está autorizando grupos moi por debaixo do alumnado mínimo “co fin dar facilidades e favorecer a impartición desta lingua”, sinalou o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Ademais, as prazas convocadas nas últimas tres Ofertas de Emprego Público (OPE) “cobren case a totalidade da interinidade existente”, o que supón na práctica “a estabilización do conxunto da especialidade”.

Nesta liña, Jesús Álvarez puxo en valor as “políticas transversais” do Goberno galego “acompañando o interese real da cidadanía polas súa aprendizaxe, garantindo a liberdade de elección e evitando calquera forma de imposición”. De feito, Galicia é hoxe unha das comunidades onde o portugués ten unha presenza máis estruturada no sistema educativo, froito dunha política sostida no tempo. “A demanda non medra por decreto nin por imposición. Sentímonos moi orgullosos de que cada vez máis persoas decidan cursar portugués en Galicia e acompasamos este ritmo convocando as prazas de profesorado necesario”, concluíu.

Data de actualización: 04/03/2026