A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na inauguración do XXXV Salón do Automóbil de Vigo 2026
Lorenzana destaca como o Plan Renova o teu vehículo contribuíu a que Galicia lidere o incremento de matriculacións en España
Salienta que o mes pasado os concesionarios galegos venderon máis de 2.800 vehículos e, no que vai de ano, son xa máis de 5.000 unidades
Apunta que o plan da Xunta, cun orzamento de 3,5 M€, esgotou o crédito para particulares, con axudas de ata 4.600 euros, en apenas un mes desde que se convocou o pasado 22 de xaneiro
Vigo, 4 de marzo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe como o plan da Xunta Renova o teu vehículo contribuíu a que Galicia lidere o incremento de matriculacións de turismos en España no mes de febreiro, cun aumento do 31 por cento, catro veces máis que a suba media a nivel estatal, que é dun 7,5 por cento.
Lorenzana, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe na inauguración do XXXV Salón do Automóbil de Vigo 2026, onde destacou que o mes pasado os concesionarios galegos venderon máis de 2.800 vehículos e, no que vai de ano, son xa máis de 5.000 unidades.
A conselleira apuntou que o Plan Renova o teu vehículo, cun orzamento de 3,5 millóns de euros, esgotou o crédito para particulares, con axudas de ata 4.600 euros, en apenas un mes desde que se convocou o pasado 22 de xaneiro. A diferencia do plan Moves do Goberno, dixo, é menos burocrático e más rápido á hora de conceder as axudas que a Xunta paga directamente ao concesionario. Nese sentido, amosou o seu desexo de que sexa un modelo a seguir cando se aprobe o novo plan estatal Auto Plus.
Na súa intervención, apuntou que a industria da automoción está nun momento de inflexión, en plena transformación cara á electrificación e as novas tecnoloxías eficientes; clave para a súa competitividade, dixo. Igualmente, tamén considerou fundamental que toda a regulación ao respecto achegue máis flexibilidade para que todo este proceso sexa máis gradual para quen fabrica para quen compra. E que as comunidades autónomas teñan máis posibilidades de decidir.
Lorenzana concluíu destacando a importancia deste e outros salóns do automóbil, como gran escaparate para chegar ao consumidor, que tamén é partícipe deste cambio cara a unha nova mobilidade.