Medio Rural destinou preto de 300.000 euros para a restauración de montes afectados polos incendios no concello das Neves

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe os terreos da comunidade de montes veciñais en man común de San Xosé de Ribarteme onde se actuou en máis de 60 hectáreas

Desde 2024 realizáronse tratamentos post-incendio de conservación do solo, elimináronse restos forestais, reforestáronse as áreas danadas e restaurouse tanto a vexetación con interese ambiental como os investimentos afectados

As Neves (Pontevedra), 5 de marzo de 2026

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe os terreos da comunidade de montes veciñais en man común de San Xosé de Ribarteme, no concello das Neves, onde están a piques de rematar unha serie de actuacións iniciadas no 2024 para restauración de montes afectados polos incendios cun investimento próximo aos 300.000 euros, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común.

En concreto, realizáronse tratamentos post-incendio de conservación do solo, elimináronse restos forestais, reforestáronse as áreas danadas e restaurouse tanto a vexetación con interese ambiental como os investimentos afectados en máis de 60 hectáreas nos montes de xestión pública de Férex Vello, Pousiños e Pousadoiro, pertencentes á comunidade de montes de San Xoán de Ribarteme, dentro do Distrito Forestal XVII O Condado – A Paradanta.

A través destas actuacións elimináronse eucaliptos e acacias; realizáronse rozas manuais e mecanizadas, así como realces e podas de formación de frondosas e clareos e podas de coníferas; recolléronse e elimináronse restos; leváronse a cabo plantacións de apoio á rexeneración natural de frondosas e piñeiros; e repoboáronse os terreos con estas dúas especies onde foi preciso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2026