Román Rodríguez visita en Finlandia a empresa IQM, fabricante do novo ordenador cuántico do Cesga
O conselleiro de Ciencia viaxa a Helsinki para impulsar colaboracións en materia de tecnoloxías profundas, un ámbito estratéxico no Plan galego de I+G+i
A futura infraestrutura, adxudicada a Telefónica por 9 M€ e que se instalará no novo Cesga, mellorará as capacidades de Galicia na carreira internacional neste eido
A delegación da Xunta reúnese tamén co embaixador de España en Finlandia e coñece as instalacións de Bluefors, especializada en sistemas crioxénicos
Helsinki (Finlandia), 5 de marzo de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou este xoves en Helsinki, Finlandia, a empresa IQM Cuantum Computers, líder mundial na fabricación de procesadores cuánticos e encargada da execución do novo ordenador cuántico que se instalará na ampliación en marcha do Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia).
Esta viaxe enmárcase na “aposta decidida da Xunta polo impulso da I+G+i e, en concreto, polas tecnoloxías cuánticas, unha liña estratéxica para Galicia como se recolle no Plan galego de investigación e innovación 25-27”, sinalou o titular de Educación e Ciencia, que está acompañado nesta visita de traballo pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e polo director científico do Cesga, Lois Orosa.
A delegación galega coñeceu na firma IQM -fundada en 2018 como spin-off da Universidade Aalto e do centro de investigación VTT- e o seu modelo de traballo e o proceso de produción do que será o segundo ordenador cuántico do Cesga despois do QMIO, actualmente en servizo. A nova infraestrutura foi adxudicada o pasado mes de decembro á compañía Telefónica por 9 M€ e dotado dunha capacidade de 54 cúbits.
Este novo computador localizarase no novo edificio do Cesga que se constrúe no polígono da Sionlla, en Santiago de Compostela, a UTE Copasa-Dominion por 13 M€. O obxectivo desta ambiciosa operación é completar a oferta actual do centro e consolidalo como unha referencia internacional na carreira da cuántica e a supercomputación. De feito, ademais do ordenador cuántico de Telefónica e IQM que se fabrica en Helsinki, esta semana vén de adxudicarse por 25 M€ o futuro supercomputador e un sistema de almacenamento de datos á firma Fsas Technologies, a división global de Fujitsu.
Esta aposta enmárcase no investimento de 56 M€, o maior realizado no Cesga ao longo da súa historia, financiadas con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do PERTE Chip, e con fondos propios da Xunta, dentro do compromiso da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP coa I+G+i.
Román Rodríguez aplaudiu o traballo que se realiza en IQM e sinalou que coñecer “outros modelos científicos é moi interesante para establecer colaboracións con entidades que, coma neste caso, ocupan un lugar destacado no ámbito da cuántica”. Ademais, permite reforzar o posicionamento internacional de Galicia como referente neste eido no sur de Europa e “amosar o potencial transformador destas tecnoloxías sobre o tecido produtivo galego”, engadiu o titular de Ciencia do Goberno autonómico.
Na visita a IQM Quantum Computers, o conselleiro de Ciencia e o seu equipo foron recibidos polo CEO da compañía, Jan Goetz; o director xeral e cofundador, Juha Vartiainen; a directora comercial, Sylwia Barthel; o xefe de produto, Hermanni Heimonen, e o responsable de operacións para España, Portugal e Latinoamérica, David Rodríguez.
Ampla axenda de traballo
No marco da visita de dous días a Finlandia, o conselleiro tamén se reúne hoxe co embaixador de España neste país, Manuel Montobbio, a quen agradeceu a súa acollida.
Tamén coñece as instalacións de Bluefors, empresa punteira en fabricación de sistemas crioxénicos, enfriamento a temperaturas extremadamente baixas. Esta firma conta con equipos fundamentais na investigación en cuántica e, de feito, subministra equipos a milleiros de científicos e laboratorios en todo o mundo, incluíndo proxectos cuánticos. A xornada complétase coa visita ao Helsinki Upper Secondary School of Languages.