Os sistemas educativos de Galicia e Finlandia comparten resultados académicos parellos en PISA

O conselleiro Educación visita en Helsinki un instituto de Secundaria e a Aalto University como parte da súa viaxe institucional ao país nórdico

Román Rodríguez salienta “a dinámica educativa similar” que representa “un bo punto de partida para afondar en experiencias de éxito e aprender uns dos outros”

A delegación da Xunta reúnese tamén coa gobernadora xeral da rexión de UUsimaa e visita o centro de investigación VTT Technical Research Centre of Finland

Péchase así unha xornada de dous días na capital finesa para intercambiar coñecemento no eido educativo e impulsar colaboracións en materia de I+D+i

Helsinki (Finlandia), 6 de marzo de 2026

Galicia e Finlandia comparten resultados académicos parellos tanto en Matemáticas como en Ciencia e Lectura, segundo o último informe PISA, uns datos que poñen de manifesto a fortaleza de ambos sistemas educativos, como puido comprobar o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que está de visita no país finés co dobre obxectivo de compartir experiencias e afondar no coñecemento mutuo tanto no eido científico como educativo.

O responsable de Educación da Xunta destacou desde Helsinki que, pese “á distancia xeográfica e cultural”, Galicia e Finlandia presentan “unha dinámica educativa moi similar” en canto a resultados, o que “representa un bo punto de partida para afondar en experiencias de éxito e aprender uns dos outros”.

De feito, Galicia, con 486 puntos, ocupa o posto 16 dos países da OCDE na competencia matemática mentres que Finlandia, con 484 puntos, ocupa a posición 18. En Ciencia, Galicia está na posición octava con 506 puntos e Finlandia na sexta con 511. E en Lectura Galicia ocupa a decimo sexta posición con 485 e Finlandia a décimo primeira con 490.

 

Resultados PISA

 

Galicia

Finlandia

Ciencia

506 (8ª posición)

511 (6ª posición)

Matemáticas

486 (16ª posición)

484 (18ª posición)

Lectura

485 (16ª posición)

490 (11ª posición)

Precisamente, para afondar na realidade educativa do país nórdico, Román Rodríguez visitou onte a Helsinki Upper Secondary School of Languages, onde puido compartir experiencias e coñecer de cerca o traballo que desenvolven nas aulas os profesores de Secundaria así como intercambiar información tanto cos docentes coma cos alumnos.

Na xornada de hoxe, o conselleiro de Educación achegouse á Aalto University para afondar no funcionamento do sistema universitario finés. Esta universidade, que naceu en 2010 tras a fusión das universidades Politécnica e de Arte e Deseño e  Escola de Economía de Helsinki, está especializada no eido da tecnoloxía. E, de feito, dela xurdiu como spin-off a firma IQM Quantum Computers, que é a encargada do proceso de produción do que será o segundo ordenador cuántico do Cesga despois do QMIO.

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, tamén mantivo hoxe un encontro coa gobernadora xeral da rexión de UUsimaa, Tuija Telén; e visitou o centro de investigación VTT Technical Research Centre of Finland, un dos máis grandes de Europa.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP pecha así unha visita de dous días á capital finesa na que, ademais de intercambiar información e coñecemento en materia de educación e universidade, centrouse no impulso de colaboracións en materia de tecnoloxías profundas, un ámbito estratéxico no Plan galego de I+G+i.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2026